O PP de Celanova renovará a súa xestora local

OurenseXa
Javier Caldas Otero será proposto para substituír a Pablo Pérez á fronte do órgano de xestión
xestora-pp-celanova
29 Sep 2025

O concelleiro do Partido Popular en Celanova, Javier Caldas Otero, será o novo presidente da xestora local, unha proposta que se someterá a aprobación na próxima Xunta Directiva provincial. Tomará o relevo de Pablo Pérez, que continuará como portavoz do grupo municipal celanovés.

A proposta foi acordada nunha reunión celebrada na sede do PP de Celanova coa participación do presidente provincial, Luis Menor, a secretaria xeral Sandra Quintas, e outros cargos do partido, entre eles o parlamentario galego e exalcalde José Luis Ferro.

Luis Menor destacou que con este paso o PP de Celanova abre unha nova etapa cun obxectivo claro: “Preparar o partido para recuperar en 2027 a alcaldía que tantos anos dirixiu o Partido Popular”. O dirixente provincial animou aos afiliados a percorrer as aldeas e rúas da vila para atraer máis apoios ao proxecto popular, “escoitando o que di e opina a veciñanza, con humildade pero defendendo os nosos valores”.

Menor subliñou que o PP de Celanova se sitúa non só como unha alternativa “seria e rigorosa”, senón tamén como un elemento clave dentro das metas que o partido se marca para as próximas eleccións: recuperar a maioría absoluta na Deputación e superar as 54 alcaldías actuais. “Celanova será tamén decisiva”, afirmou.

O presidente provincial agradeceu a Javier Caldas que aceptase o reto, ao tempo que recoñeceu o labor desenvolvido por Pablo Pérez á fronte da agrupación, quen continuará centrado na portavocía municipal.

Nado en Ourense en 1975, Javier Caldas incorporouse á política local da man de Pérez, participando na lista do PP nas municipais de 2023. Agradecido pola confianza da dirección provincial e da agrupación local, asegurou que traballará para que o PP de Celanova sexa “un partido referente de unidade e consenso en torno a un proxecto político”.

Caldas sinalou que o tempo xoga ao seu favor, “suficiente para planificar pero sen perder un instante”, e avanzou que entre os seus obxectivos inmediatos está organizar máis reunións periódicas “que nos permitan ter un termómetro das rúas”. Tamén destacou a importancia da mocidade, á que definiu como “básica para darlle máis pulo ao partido e garantir o futuro”.

A xestora de Celanova someterase a aprobación na próxima Xunta Directiva provincial do PP de Ourense. Con ela, serán xa nove os órganos provisorios constituídos pola dirección provincial, xunto cos de Maceda, Barbadás, Xinzo de Limia, O Carballiño, Allariz, Ourense, Taboadela e Amoeiro.

⚙ Configurar cookies
0.10585498809814