O XIX Simposio Internacional sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética regresa a Ourense

Expourense celebrará o vindeiro xoves 16 de abril unha nova edición, a décimo novena, do Simposio Internacional sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética. A xornada desenvolverase en horario de mañá, de 9:45 a 14:45 horas, no recinto feiral de Ourense.
Trátase dun foro especializado consolidado que reúne cada ano profesionais do sector en Galicia, apoiado pola traxectoria dos relatores participantes e pola relevancia das súas achegas no ámbito da sustentabilidade e a eficiencia enerxética.
Nesta edición participarán nove arquitectos e enxeñeiros procedentes de España, Portugal, Dinamarca, Italia e Suíza, pertencentes a empresas de referencia europea. O encontro está dirixido a profesionais da edificación, como arquitectos, enxeñeiros e instaladores, e tamén busca orientar promotores e construtores no uso das enerxías renovables como valor engadido no mercado inmobiliario.
A asistencia é gratuíta, aínda que require inscrición previa a través da web de Expourense. O simposio está organizado por Expourense en colaboración coa empresa ourensá INGEO–Investigación Xeotérmica e conta co apoio do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e da Deputación de Ourense.
Segundo o director de INGEO, Alfredo Fernández, os participantes desta edición son “referencias mundiais en arquitectura sostible, enxeñaría e xeotermia”, o que converte a cita nunha oportunidade destacada para os profesionais galegos.
O programa abrirase coa presentación das liñas de axuda do INEGA en eficiencia enerxética e enerxías renovables, a cargo do director xeral de Planificación Enerxética e Minas e do Instituto Enerxético de Galicia, Pablo Fernández Vila.
A xeotermia terá un papel central ao longo da xornada. Desde Portugal, a directora xeral de Enerxía e Xeoloxía, Carla Lourenço, xunto co técnico superior Luis Duarte, explicarán a estratexia deste país neste ámbito e a súa aposta de futuro.
Tamén intervirá o presidente do consello de administración de Thermonet Europa, Søren Skjold Andersen, quen presentará exemplos de redes de calefacción e refrixeración autosostibles para barrios e comunidades.
Outra das ponencias abordará aplicacións da xeotermia na transformación urbana, con casos como o soterramento da autovía A-5 en Madrid ou a reconversión do Mercado de Frutas de Legazpi, presentados polo enxeñeiro César Platero, de FCC Construcción.
O programa inclúe ademais unha ponencia sobre o uso das enerxías renovables en sectores como a arquitectura, as adegas e a industria, a cargo de representantes da empresa italiana Geonovis DRL. Pola súa banda, o suízo Mirko Possamai, de HakaGerodur AG, analizará as posibilidades dos materiais plásticos nas instalacións xeotérmicas.
A xornada pecharase cunha intervención centrada na relación entre enerxía e criptomonedas, na que Jaime Cabello, de “Ahorrar para invertir”, explicará estratexias para optimizar o consumo enerxético na chamada “minería de bitcoin”.