Eladio Santos destaca o apoio do Goberno ás familias ourensás cunha nova convocatoria de axudas para libros de texto

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou hoxe a libraría Eixo para informar sobre as axudas do Executivo á educación pública e subliñou que estas facilitan o acceso aos materiais escolares “para que a educación chegue a todo o mundo por igual”.
Durante a visita, Santos explicou que o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes destina 58,5 millóns de euros para financiar libros de texto e material didáctico, dos que 2,4 millóns corresponden a Galicia. Segundo detallou, o reparto territorial aprobado polo Consello de Ministros permitirá á Consellería de Educación cubrir as necesidades do alumnado de Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional en centros sostidos con fondos públicos.
“Supón un reforzo na equidade do sistema educativo, garantindo que ningunha situación económica desfavorable limite o acceso do alumnado aos recursos básicos para o seu aprendizaxe”, sinalou Santos, que resaltou o compromiso do Goberno coa igualdade de oportunidades. “Nun momento no que os prezos suben, o Goberno de España ponse ao carón das familias e blinda algo tan fundamental como poder ter un libro de texto para que todos os nenos e nenas poidan finalizar os seus estudos”, asegura o subdelegado.
Ademais, lembrou que, nos últimos anos, o Goberno transferiu á Xunta 308 millóns de euros para reforzar a educación non universitaria en Galicia, destinando 200 millóns a Primaria, ESO e Bacharelato, e 108 millóns á Formación Profesional, o que permitiu a creación de máis de 42.000 novas prazas en ciclos formativos.
Por último, Santos destacou o impacto do novo Real Decreto de bolsas aprobado para o curso 2026-2027, que contempla un investimento histórico de 2.559 millóns de euros, cun incremento consecutivo desde 2018. En Galicia, 54.000 familias veranse beneficiadas destas axudas, que suman 132 millóns de euros, un 59% máis que hai nove anos.