Eladio Santos destaca "o gran funcionamento do cárcere de Pereiro de Aguiar"

OurenseXa
As melloras realizadas no centro penitenciario durante os últimos anos contaron cun investimento de 3 millóns de euros por parte do Goberno central
Eladio Santos visita as instalacións do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar
3 Xul 2024

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, realizou este martes unha visita de carácter institucional ao Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar.

Trala súa toma de posesión como máximo responsable do Goberno de España na provincia, Santos está a levar a cabo unha rolda de contactos cos distintos organismos dependentes da Administración Xeral do Estado co obxectivo de coñecer de primeira man o seu traballo diario e as súas necesidades.

Nesta ocasión, o subdelegado do Goberno estivo acompañado durante o percorrido polo director del centro penitenciario, Francisco González Pérez, e funcionarios do mesmo, que lle amosaron as instalacións do cárcere de Pereiro, no que actualmente se atopan 260 internos, dos cales 22 son mulleres.

Santos escoitou as opinións e demandas dos traballadores, coñeceu os distintos programas de tratamento, cursos de formación, actividades e plans de reinserción que ofrecen á poboación reclusa; e comprobou as melloras realizadas no centro nos últimos anos, nas que o Goberno central investiu 3 millóns de euros. O subdelegado destacou o “gran funcionamento” do cárcere de Pereiro en todas as súas facetas e fixo fincapé no importante labor rehabilitador do cumprimento das penas, “que na inmensa maioría dos casos funciona”, lembrou.

0.19397783279419