Eladio Santos destaca o papel da lingua galega na construción da democracia

Ourense acolleu este luns unha nova sesión do programa conmemorativo 50 anos de España en liberdade, centrada no papel da lingua galega na construción democrática. O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, abriu o acto destacando a pluralidade lingüística como “unha riqueza cultural e democrática”.
A mesa redonda, titulada “Lingua, cultura e liberdade: o galego na construción da democracia”, reuniu figuras de referencia como Pilar García Negro, Manuel Bragado, Dores Tembrás e Juan Tallón. O encontro, celebrado no Centro Cultural José Ángel Valente, afondou na evolución e influencia do galego nas últimas décadas e no contexto actual.
Durante a súa intervención, Santos puxo en valor o legado de quen traballou para recuperar a presenza pública do galego tras a ditadura. “Son mulleres e homes que traballaron con enorme xenerosidade para que a nosa lingua recuperase espazo público, prestixio e futuro”, sinalou. Así mesmo, reafirmou o compromiso do Executivo coa “diversidade lingüística”, á que definiu como “pedra angular da democracia”. “A pluralidade é unha riqueza que nos define e nos fortalece”, afirmou, subliñando o avance na integración das linguas cooficiais nos ámbitos institucional, educativo e cultural.
A programación continuará o xoves 4 de decembro cunha nova mesa redonda, Raíces e futuro: medio século de economía sostible en Ourense, con Elena Rivo, Julio Iglesias e Araceli Fernández como protagonistas. Ao día seguinte, o programa trasladarase ao Barco de Valdeorras coa representación teatral Flores de España, da compañía Los Sueños de Fausto.
Os actos pecharanse o 6 de decembro en Ourense cunha homenaxe ao 47º aniversario da Constitución Española, que incluirá a entrega dos premios do concurso escolar no Auditorio Municipal.
Para a comisionada do programa, Carmina Gustrán, “celebrar medio século de liberdade é tamén celebrar a pluralidade que nos define como país”, reivindicando que España é “un Estado diverso, rico en linguas, tradicións e expresións culturais”.