Eladio Santos enxalza o labor da Inspección de Traballo en Ourense

OurenseXa
No primeiro semestre resolvéronse preto de 1.600 expedientes por este organismo
eladio-santos-inspeectores-ytaballo-ourense
8 Jul 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, aplaudiu hoxe o labor que fai a Inspección de Traballo na provincia, pois concluíu 1.590 expedientes no primeiro semestre deste ano. Fíxoo durante unha visita ás dependencias do mencionado organismo, despois de coordinar a comisión de seguimento entre a Inspección Provincial de Traballo e a Secretaría de Estado de Seguridade.

Na reunión, Eladio Santos destacou a “esencial colaboración” entre ambos organismos e agradeceu “o traballo rigoroso” tanto do persoal da Inspección como das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. “Grazas a esta cooperación e posible realizar actuacións conxuntas que multiplican a eficacia dos recursos públicos”, remarcou.

O subdelegado explicou que moitas das actuacións que desenvolve a Inspección de Traballo xunto á Garda Civil e á Policía Nacional teñen que ver coas autorizacións de traballo das persoas estranxeiras que traballan por conta allea. “Nun mercado laboral cada vez máis complexo e dinámico, este convenio permite detectar e investigar conductas que vulneran a legalidade”, sostivo.

Despois da comisión, o subdelegado visitou as dependencias da Inspección de Traballo, acompañado pola directora provincial, Genoveva García Ballón. Ambos abordaron o balance da actividade do organismo durante este ano, no que se realizaron un total de 884 visitas a centros de traballo. “Non hai emprego digno sen control efectivo da legalidade”, indicou Eladio Santos.

O subdelegado felicitou aos membros do organismo pola actuación que comezou en 2022 relativa aos traballadores e traballadoras de reparto de produtos a domicilio dun coñecido grupo empresarial. Grazas á acción da Inspección de Traballo déronse de alta na Seguridade Social 115 traballadores na provincia. “O compromiso deste Goberno cos dereitos laborais é patente e esta actuación para acabar cos falsos autónomos é un claro exemplo”, resaltou.

⚙ Configurar cookies
0.16333699226379