Eladio Santos pon en valor "a colaboración do Estado na prevención dos incendios forestais en Galicia"
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou este martes a base aérea de loita contra o lume da Xunta de Galicia, sita nos municipios limítrofes con Portugal dos concellos ourensáns de Verín e Oímbra, e que ven de entrar en funcionamento, coincidindo coa actual campaña de incendios forestais.
Con motivo desta visita, o subdelegado lembrou que “cada ano o Goberno de España pon á disposición da Xunta unha serie de medios para colaborar na prevención e extinción de incendios forestais: medios aéreos, a BRIF Laza, Policía Nacional e Garda Civil, a UME en León e no destacamento en Figueirido (Pontevedra), así como persoal do Exército de Terra a través da Operación Centinela”.
En relación aos medios citados por Santos, en concreto, a provincia de Ourense conta, grazas á aportación estatal, con efectivos materiais e humanos na base de Laza (59 persoas da BRIF e dous helicópteros) e na de Xinzo de Limia (un avión de carga en terra con capacidade de 2.400 litros); aos que hai que engadir outros recursos postos a disposición noutras provincias galegas e que colaboran sempre que sexa preciso, como é a unidade móbil de análise e planificación de Noia e tres avións anfibios de gran capacidade de carga (6.000 litros) sitos Lavacolla.
Ademais, 500 militares da Unidade Militar de Emerxencias (UME) atópanse mobilizables desde León de xeito habitual, podendo acadarse os 3.000 efectivos da UME dispoñibles no caso de precisarse.
No tocante á Operación Centinela, esta pon a disposición da nosa comunidade autónoma efectivos do Exército de Terra e a Armada.
Así mesmo, non podemos esquecer o importante labor que realizan na loita contra o lume os efectivos da Policía Nacional; e tamén da Garda Civil, con operativos vixilancia por toda a provincia, equipos de investigación de incendios forestais, patrullas de SEPRONA e helicópteros. Un total de 2.500 efectivos con cometidos de actuación e prevención de incendios forestais.
Por último, hai que lembrar o Sistema COPERNICUS, do Ministerio do Interior, que proporciona información geoespacial puntual e precisa sobre a evolución dos lumes.
“A loita contra os incendios é un labor que esixe, e así se fai, unha colaboración coordinada das diferentes administracións e forzas implicadas, co fin de erradicar esta praga que cada ano ameaza a nosa riqueza forestal, medioambiental e o benestar dos galegos e galegas”, concluíu o subdelegado.
Nesta visita á base aérea de Verín-Oímbra participaron, ademais, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Rural, María José Gómez.