Un total de 47 entidades da provincia recibiron o selo SICTED

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, felicitou este luns ás entidades turísticas da provincia porque “detrás de cada placa SICTED hai moitas horas de formación, mellora continua e traballo”. “Grazas á vosa labor damos un paso máis para seguir facendo da provincia un referente nacional e internacional do turismo de interior”, sinalou na entrega dos 47 distintivos SICTED do Destino Ourense Termal.
Durante a súa intervención no acto, celebrado no Centro de Interpretación Aquae Querquennae de Bande, Santos celebrou a “calidade turística” da provincia de Ourense. “Estas distincións significan excelencia, traballo colectivo e a aposta decidida por un modelo turístico sostible e competitivo”, expresou diante dos impulsores das iniciativas publicas e privadas recoñecidas. Entre elas hai aloxamentos, balnearios, museos, salas de exposición e centros de interpretación.
O subdelegado do Goberno explicou que o Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) é “un proxecto estratéxico” impulsado pola Secretaría de Estado de Turismo, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias, e que “pon o foco en mellorar a experiencia do visitante mediante a profesionalización dos servizos turísticos e a cooperación entre axentes públicos e privados”.
Neste sentido, Eladio Santos recordou que o Goberno de España transferiu á Xunta de Galicia máis de 130 millóns de euros dos fondos Next Generation para impulsar o turismo na comunidade autónoma, con liñas de investimento variadas como os Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos, as axudas de eficiencia enerxética en empresas turísticas, o plan de competencias dixitais para profesionais do sector turístico, a dixitalización de pemes turísticas (Programa Última Milla) e os proxectos tractores na contorna do Camiño de Santiago. “É importante que gran parte destes fondos sexa investida na provincia de Ourense, porque ten un enorme potencial e precisa o apoio das Administracións para darse a coñecer”, remarcou.
Finalmente, o subdelegado enxalzou a colaboración institucional, que fai posible este tipo de iniciativas, e animou aos impulsores dos servizos e entidades presentes a seguir neste camiño porque “apostar pola calidade non é unha meta, é un compromiso constante”.