Eladio Santos reafirma o compromiso do Goberno co sector primario

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reafirmou o compromiso do Executivo co sector primario durante a celebración dunha xornada formativa centrada na Lei da Cadea Alimentaria, unha iniciativa promovida co obxectivo de “que aqueles que traballan o campo ourensán teñan prezos xustos e unha vida digna”.
A sesión tivo lugar na Subdelegación do Goberno e estivo dirixida a representantes de organizacións agrarias, gandeiras e colectivos do sector. A formación correu a cargo da directora da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), María Fernández Sanz, xunto á directora técnica, Beatriz Ruiz, e á coordinadora de área, Paula Sevilla.
Á xornada acudiron, entre outros, representantes de Unións Agrarias-UPA, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Adegal, a Asociación do Sector Primario de Galicia e a Asociación de Gandeiros de Montederramo.
Durante a súa intervención, Santos destacou o papel desta normativa na protección dos produtores e na mellora do funcionamento da cadea alimentaria. Neste sentido, asegurou que “a Lei da Cadea Alimentaria é das máis protectoras para o produtor e está a ser referente en Europa e, por iso, a formación é fundamental para coñecela e aplicala correctamente”.
O subdelegado lembrou ademais que esta iniciativa responde a compromisos adquiridos previamente co sector, orientados a reforzar a colaboración e o acceso a información especializada por parte dos profesionais agrarios, facilitando así as súas relacións comerciais.
A formación abordou aspectos como as competencias das distintas administracións na aplicación da lei, os mecanismos de control, a cooperación internacional e as particularidades do sector. Con iso, preténdese ofrecer ferramentas aos agricultores e gandeiros para mellorar a súa posición no mercado e garantir unhas condicións máis xustas nas súas transaccións.