Elena Sardiña, presidenta do Club Ourense Volei Praia: “O noso principal obxectivo é conseguir unha base nutrida”

Por Raque Pérez
Fundado no ano 2007, o Club Ourense Volei Praia converteuse ao longo dos seus case vinte anos de traxectoria nun dos clubs de referencia deste deporte en Galicia.
A súa presidenta, Elena Sardiña, explica como este equipo foi medrando e consolidándose ata chegar aos postos máis altos das competicións, grazas ao traballo dos adestradores, da directiva e, por suposto, dos deportistas que forman parte do club e que hoxe xa suman arredor de 200.
Elena formou parte do club desde os seus comezos, primeiro como xogadora e, pouco a pouco, foi asumindo diferentes roles ata chegar a ser a súa presidenta. O club adestra todos os días da semana nas instalacións de Oira. “Contamos con grupos de todas as idades, desde a categoría alevín ata a categoría sénior, tanto masculina como feminina, e ademais temos outros grupos menos competitivos”, explica.
“Hemos sido desde sempre un club con moito nivel. A nivel galego, desde o principio fomos conseguindo moitos campionatos galegos en diferentes categorías e, nalgunhas ocasións, clasificámonos para campionatos de España”. Non obstante, destaca que os resultados máis importantes chegaron recentemente. “Creo que os maiores logros do club acadámolos nestes últimos anos. Por exemplo, nos últimos tres anos levamos sendo campións como mellor club de Galicia, ao gañar todas as categorías, tanto masculina como feminina, desde alevín ata absoluta”. Estes éxitos, sinala, abríronlles as portas a nivel nacional. “Permitíronnos clasificarnos en numerosos campionatos de España. Chegamos en varias ocasións a semifinais de campionatos de España: a última o ano pasado e outra no anterior”.
Tamén celebra un paso importante para un dos seus deportistas. “O ano pasado chamaron a un dos nosos rapaces, que comezara connosco con só 11 anos, para formar parte da selección española”, lembra con orgullo.
Sobre o impacto destes triunfos no crecemento do club, recoñece que os resultados son froito dun traballo constante. “Os resultados veñen e acaban chegando cando se fai un bo traballo durante moito tempo”, explica. “Temos adestradores formados, moi volcados e dedicados aos nenos e aos seus adestramentos, atentos ao que lles pasa e a como mellorar. Despois de moito traballo, os resultados poden chegar, pero é algo no que hai que insistir”.
Para ela, dentro do labor do club, máis aló do apartado puramente deportivo, destaca a transmisión de valores como o compañeirismo, a creación de grupo, o compromiso e os hábitos de vida saudable. Así, destaca: “Insistimos aos nenos desde que comezan no club en que, sempre que estamos adestrando ou competindo, temos que alimentarnos ben e beber moito”, explica. No tocante á aprendizaxe de valores, insiste na importancia do grupo. “Ao final, este deporte é un deporte de equipo e permíteche desenvolver moitas habilidades: o compañeirismo, o respecto, saber xestionar a frustración ou a ledicia… Compártense moitas emocións, boas e non tan boas. Os teus compañeiros poden ser amigos ou non, pero tes que aprender a relacionarte e levarte ben para acadar o obxectivo común”.
Ademais, engade: “Este deporte tamén ten certas características individuais, aínda que sexa colectivo, porque no campo hai dúas persoas e a participación de cada unha é fundamental”. Para ela, esta parte máis individual “axuda moito a desenvolver habilidades de superación, constancia e sacrificio”.
Sardiña tamén insiste na importancia do compromiso: “O noso deporte practícase ao aire libre; se fai calor, fai calor e se chove, chove. Nós transmitimos tanto aos membros como ás familias que intentamos non suspender nunca un adestramento. Se podemos, adestramos na area con normalidade, e se non, facemos outras actividades”, asegura. “É moi importante que os nenos teñan unha rutina”, destaca.
Entre os obxectivos fundamentais do club, para a súa presidenta sobresae especialmente a creación dunha boa base. “Somos un club con grupos de todas as idades e niveis, pero o noso principal obxectivo é conseguir unha base grande, nutrida e comprometida. Creo que o estamos conseguindo”, afirma. “Intentamos ensinar que hai un compromiso adquirido co equipo que hai que cumprir, non só á hora de competir, senón tamén no adestramento diario, que é o fundamental”.
Máis aló da competición, Elena Sardiña subliña o papel organizador do club: “Aparte de adestrar e competir fóra, desde hai tempo o club asume en Ourense a organización de boa parte dos campionatos autonómicos que se celebran en Galicia, sobre todo en categorías base”. Nese sentido, insiste na importancia de dar oportunidades á mocidade: “Dedicamos moito tempo a que os nosos deportistas poidan competir, promovendo que Ourense sexa o epicentro do volei praia galego. Creo que o estamos conseguindo”. E conclúe: “Agora mesmo somos, probablemente, o club máis importante da comunidade autónoma”.