Elías González: “Un club é moito máis que o primeiro equipo”

OurenseXa
O presidente do Club Xadrez Ourense explica como evolucionou o club desde os seus comezos, hai case 25 anos, ata consolidarse como un referente indiscutible deste deporte a nivel autonómico
elias-gonzalez-presidente-club-xadrez-ourense
Elías González, presidente del Club Xadrez Ourense
22 Jun 2025

A piques de cumprir 25 anos de historia, o Club Xadrez Ourense vive un dos seus momentos máis doces. Líder en licenzas federativas de xadrez na comunidade e referente galego tanto a nivel competitivo como formativo, o seu percorrido é o resultado do esforzo e traballo dos seus integrantes desde o seu nacemento.

Elías González, fundador e actual presidente do club, explica que nos seus inicios, no ano 2003, “o xadrez en Ourense non era moi profesional. Eu viña de obter o título de adestrador nacional en 2001, avalado polo Consello Superior de Deportes, e decidín apostar pola profesionalización do xadrez na nosa cidade”. Desa idea acabou xurdindo o club, cunha pequena sede nas galerías Viacambre, con apenas dous adestradores, uns poucos xogadores con ranking internacional e 44 alumnos novos.

Desde o primeiro momento comezaron a chegar os resultados: títulos autonómicos individuais e ascensos rápidos na liga galega. “En poucos anos, o equipo pasou de Segunda a Primeira División autonómica e, en 2009, ascendemos á División de Honra autonómica. Foi clave o apoio de persoas como Óscar Salgado, irmán maior do gran mestre Iván Salgado”, lembra.

En 2013 chegaron os primeiros podios galegos, e en 2015 o debut no Campionato de España de Clubs. Entre 2018 e 2024, o club consolidouse como o máis forte de Galicia, con seis tempadas en Primeira División Nacional, só por debaixo da esixente División de Honra. “Non había ningún outro club galego nunha categoría tan alta”, destaca González.

Para el, o máis importante dun club é o conxunto. “Un club é moito máis ca o primeiro equipo”, insiste. Destaca o importante papel que xogan os adestradores e todos os integrantes do club no seu conxunto para que o proxecto continúe adiante cos excelentes resultados dos últimos anos. “É a escola deportiva, os monitores, o traballo semanal. Temos 11 técnicos titulados e este ano estivemos presentes en 43 escolas de base por toda a provincia. É un traballo inmenso”.

Grazas a esa rede, o club levou o xadrez a recunchos como Manzaneda, Ribadavia, Maside ou Coles, sumando máis de 1.280 alumnos durante este curso, unha cifra simbólica: 20 por cada casa do taboleiro.

No centro de tecnificación de Ramón Cabanillas, máis de 180 persoas adestran semanalmente, divididas en 16 grupos. “Aquí non hai barreiras por idade nin sexo. O xadrez permite que un neno de 9 anos xogue de ti a ti cun de 15, ou unha nena cun adulto. É un deporte integrador, ideal mesmo para persoas con discapacidade”, explica, poñendo en valor o labor inclusivo deste deporte fronte a outros.

A actividade do club, lembra González, non se limita ao adestramento ou á competición. Tamén destaca na organización de eventos. Torneos como o de San Martiño, Nadal ou a Copa Galicia superaron os 200 ou mesmo os 300 participantes. “Todo o organizamos nós, con xuíces e árbitros titulados. É moito traballo”.

A piques de cumprir o seu primeiro cuarto de século, o Club Xadrez Ourense conta con 292 das 500 licenzas federativas da provincia de Ourense, sendo o líder indiscutible. “Estamos mellor ca nunca, pero non nos confiamos. No deporte, se te relaxas, pásanche pola dereita”, advirte. “Queremos seguir medrando, chegar a máis sitios, consolidar a nosa canteira e manter o nivel competitivo sen perder as nosas sinais de identidade”.

Para el, o xadrez en Ourense vive un momento doce. Non só polo conseguido desde o Club Xadrez Ourense, senón porque “hai máis xente facendo as cousas moi ben”. Neste sentido, destaca o exemplo do Club Ben Cho Shey do Pereiro de Aguiar. “Están facendo un labor excepcional. E levan anos facéndoo. Máis dunha década e media cun traballo constante, serio, de calidade”.

Aínda que non é un club especialmente grande, si destaca polo nivel do seu primeiro equipo, que compite en División de Honra autonómica. “Agora mesmo só hai dous equipos de Ourense nesa categoría: Ben Cho Shey e o noso”. “Acabamos de gañar a liga, que xa nin me lembraba… son tantas cousas”, lembra González.

En canto aos estigmas que durante anos existiron arredor deste deporte, González asegura que hoxe en día “cambiou moitísimo a forma en que a sociedade o percibe”. Lembra como antes se pensaba que o xadrez era só para xente solitaria, reservada, introvertida. “O típico neno pouco sociable, con lentes, rariño… Pero nada que ver. Agora mesmo a maioría son nenos espelidos, sociables, que practican outros deportes, que viaxan. Nenos alegres que o pasan ben diante dun taboleiro”.

O xadrez, iso si, ten unha peculiaridade que o distingue do resto das disciplinas. “Para gozalo de verdade, tes que entendelo ben. E iso non pasa en case ningún outro deporte”. “Podes emocionarte vendo un partido de fútbol sen saber tácticas, ou gozar dun concerto sen ter idea de música. Pero co xadrez, se non sabes como se move unha torre, é probable que te aburras”. “Ti vas ver unha partida e, se non tes nin idea, aos cinco minutos xa te fuches. Porque non ves nada. Non entendes o que está a pasar”.

E con todo, estanse a lograr cousas que hai anos eran impensables, como lembra o propio González: “300 participantes na Copa Galicia, nun pavillón deportivo. E a bancada, chea. Unha bancada con mil persoas vendo xadrez. Algúns con prismáticos intentando seguir as partidas desde arriba”.

Por iso insiste: “Non é un deporte doado de vender ao gran público. Porque necesitas unha formación previa para gozalo. Pero quen a ten… engánchase”.

⚙ Configurar cookies
0.1904628276825