Elimínase a prohibición de tomar imaxes nos espazos termais da cidade
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou a modificación da normativa de uso dos espazos termais da cidade coa finalidade de eliminar a prohibición de tomar imaxes nestas instalacións.
Así, aprobou modificar as “Condicións xerais de uso dos espazos termais de uso lúdico do Concello de Ourense”. Ata agora, o documento prohibía, no seu apartado 4.2 d, “o uso de aparatos de música, teléfonos, cámaras de fotos ou de gravación, etc”. Coa nova redacción, desaparece da normativa a alusión a teléfonos, cámaras de fotos e gravación. O texto dirá que non está permitido “o uso de aparatos de música”.
O goberno municipal quere lembrar que, en consecuencia, as persoas que accedan ás zonas termais poderán tomar imaxes, aínda que isto non as exime do deber que teñen de respectar e cumprir coa normativa estatal vixente no relativo ao uso e difusión das imaxes que obteñan. O Concello publicará na páxina web municipal o documento modificado e renovará a sinalización existente nos espazos termais
Tamén deu o visto bo á prórroga, por 1 ano, de 3 contratos municipais relativos ao servizo de mantemento da aplicación informática de xestión integral de expedientes de servizos sociais (XIESS), ao servizo de conservación, reparación, verificación e substitución de pezas de equipos de impresión de diferentes marcas (Lote 2) e ao servizo de delegado de protección de datos do Concello.
Ademais, tomou coñecemento de 2 sentenzas ditadas polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense.