En marcha as obras na rúa Fonsilón, en Barbadás, cun investimento de 30.000 euros

O Concello de Barbadás iniciou este luns os traballos de rehabilitación do firme na rúa Fonsillón, dentro das actuacións prioritarias do Plan de Obras 2025. A intervención abrangue o tramo comprendido entre a rúa da Campiña e o límite co municipio de Ourense, cun investimento total de 30.000 euros.
O proxecto inclúe a renovación do pavimento, a mellora da mobilidade peonil, a instalación dun novo redutor de velocidade e a renovación da sinalización viaria. O obxectivo é mellorar as condicións de circulación e seguridade nunha vía moi transitada polos veciños da zona.
Esta actuación forma parte dun plan máis amplo que prevé un investimento total superior a 1,1 millóns de euros no municipio ao longo do ano 2025, centrado na mellora de infraestruturas básicas e espazos públicos.