Ence xustifica a viabilidade do proxecto da futura planta de biometano en Xunqueira de Ambía pese ao rexeitamento social

Ence, empresa promotora do proxecto para construír unha planta de biometano en Xunqueira de Ambía a través da súa filial galega Biofertilizantes e Biometano Sertogal Xunqueira, defende a iniciativa tras as numerosas críticas xurdidas na zona afectada, especialmente por parte dos veciños.
Segundo Ence, “o proxecto impulsado caracterízase por un modelo de operación diferencial, deseñado para funcionar sen emitir cheiros”. Ademais, sinalan desde a promotora, “as materias primas almacenarase en naves pechadas, os sustratos líquidos en depósitos estancos e a instalación contará con tecnoloxía avanzada de filtración de aire. Así mesmo, evitarase o tránsito de camións polos núcleos urbanos, minimizando o impacto na poboación”.
A través dun comunicado, Ence afirma que “o proxecto favorecerá a desnitrificación de acuíferos, grazas á correcta valorización de estercos e puríns”, e que “en ningún caso se aplicará o digesto ao campo, senón que o proxecto incorpora unha planta de produción de fertilizante orgánico seco de alta calidade, sen emisións de nitróxeno amoniacal”. Deste xeito —aseguran— “evítase a contaminación por nitratos que pode producir a aplicación directa do digesto ao campo”.
Segundo a empresa, “a planta suporá un importante impulso económico para a comarca. Durante a súa fase de operación xerará arredor de 80 empregos directos e indirectos, aos que se sumarán ata 150 postos de traballo na fase de construción”. Ademais, apuntan, priorizarase a contratación de empresas locais, reforzando o desenvolvemento económico e social da rexión.
O proxecto conta cun orzamento de 25 millóns de euros e producirá 25.000 toneladas anuais de biofertilizante sólido, con capacidade para valorizar 140.000 toneladas anuais de biomasa agrícola e gandeira.
Porén, a pesares das xustificacións da promotora, o proxecto afronta un forte rexeitamento social. Tanto é así que, en só tres semanas, reuníronse máis de 1.000 alegacións presentadas por veciños das zonas afectadas, como Allariz, Celanova ou A Limia. E é que a planta ubicaríase lindando coa Zona de Protección de Aves da Lagoa de Antela. Aínda que se presenta como unha “solución” para a xestión dos puríns, en realidade, sinalan os escritos, agravaría o problema da contaminación por nitratos nas augas do Limia.
As alegacións foron presentadas este xoves nos distintos rexistros municipais e na Subdelegación do Goberno en Ourense, amosando o rexeitamento social ao plan de Ence na zona afectada e no contorno da Limia que, lembran os denunciantes, “está a ser obxecto de ameazas constantes con proxectos extractivistas, mentres as autoridades competentes evitan afrontar o grave problema da contaminación dos acuíferos e das masas de auga superficiais que poñen en risco a saúde da poboación”.
As alegacións foron elaboradas a partir dos escritos contra o proxecto presentados pola asociación ecoloxista Petón do Lobo e polo BNG, e resumen nunha folla as principais ameazas que supón a instalación da planta, poñendo o foco nas deficiencias do proceso durante a fase de exposición pública.
Ademais das alegacións exprés, e das presentadas polo Bloque Nacionalista Galego e a asociación Petón do Lobo, o propio goberno municipal de Xunqueira de Ambía e a Sociedade Galega de Historia Natural puxeron a disposición dos veciños escritos de oposición ao proxecto, polo que a cifra de alegacións superará amplamente o millar.