Entra en funcionamento a nova sala de extraccións do edificio Santa María Nai

Este martes, 12 de agosto de 2025, entrou en funcionamento a nova sala de extraccións do Hospital Universitario de Ourense, situada no edificio Santa María Nai. Este novo espazo unifica nunha soa unidade todas as áreas de extracción de mostras, que ata agora estaban repartidas entre este edificio e o edificio Cristal.
A sala conta con 350 metros cadrados e inclúe seis boxes para extraccións, dous para probas especiais, un box pediátrico, unha zona administrativa, e unha ampla sala de espera con aseos adaptados. O acceso é independente desde o exterior do edificio, facilitando un circuíto rápido e cómodo para os pacientes sen necesidade de entrar no hospital.
Ademais da sala de extraccións, realizáronse obras de renovación na entrada lateral, nos corredores, nos aseos e nas zonas comúns, mellorando notablemente a accesibilidade e humanización do espazo. Destaca tamén a decoración con fotografías do celador Gabriel Fidalgo, que achega un toque máis cálido ao ambiente.
A unidade conta cun equipo de profesionais composto por tres administrativos, cinco enfermeiros, un supervisor, un técnico superior en análises clínicas e un celador. O servizo atende diariamente a máis de 280 pacientes en horario de 8:00 a 15:00 horas.
Esta reorganización supón unha mellora importante para a atención aos usuarios e para a eficiencia na xestión das extraccións e o envío de mostras ao Laboratorio Central, situado moi próximo á nova sala.