Entra en vigor a primeira fase da Zona de Baixas Emisións Ourense Centro

OurenseXa
A ZBE afecta o espazo delimitado polas rúas Habana, Emilia Pardo Bazán, Peña Trevinca, Coruña, Progreso e Praza de Concepción Arenal, aínda que por agora non haberá sancións
Rúa Curros Enríquez, Ourense
26 Dec 2025

Ourense pon en marcha este venres 26 de decembro a primeira fase da Zona de Baixas Emisións (ZBE) para o centro da cidade, que comprende o espazo interior delimitado polas rúas Habana, Emilia Pardo Bazán, Peña Trevinca, Coruña, Progreso e Praza de Concepción Arenal.

A medida supón a partir deste mesmo venres a peonalización de seis rúas e tramos urbanos co obxectivo de reducir o tráfico rodado, favorecer a mobilidade peonil e diminuír as emisións contaminantes.

Desta forma, a rúa Valle Inclán pasa a ser peonil con plataforma única, mentres que Arturo Pérez Serantes queda completamente reservada ao tránsito a pé. Tamén se elimina o tráfico no tramo da avenida de Bos Aires comprendido entre a rúa Concordia e Bedoya.

Na contorna do Parque de San Lázaro peonalizaranse varios accesos, como o tramo da rúa Cardeal Quevedo entre o parque e a avenida da Habana, así como a rúa Bedoya entre o propio parque e o cruzamento con Ramón Cabanillas. Ademais, o lateral do Parque de San Lázaro entre a rúa Concello e Bedoya queda sen circulación, o que implica a reorganización das paradas de taxi e autobús.

Durante a fase 1, que se extenderá ata o 1 de xullo, non haberá sancións, aínda que si avisos aos condutores que incumpran a normativa. As multas comezarán a chegar para os vehículos sen etiqueta ambiental que accedan sen permiso á ZBE a partir desa data, no verán do 26. Nesta primeira fase, as rúas afectadas son Ramón Cabanillas (desde Habana a Bedoya), Bedoya (desde o cruce con Ramón Cabanillas), Avenida Buenos Aires (desde Bedoya ata Habana), Pena Corneira, Cabeza de Manzaneda, Monte Medo, Monte Seixo, Xosé Ramón Fernández Oxea, Lugo, Praza do Xardín do Posío, rúa do Villar (ata García Mosquera) e García Mosquera.

Poderán acceder libremente á ZBE todos os vehículos con etiquetas ambientais B, C, ECO e 0 (agás vehículos pesados que superen os 5.500 kg, salvo autorización expresa), así como bicicletas, ciclos e vehículos de mobilidade persoal.

Os vehículos sen etiqueta ou con etiqueta A terán acceso restrinxido e necesitarán autorización para circular na ZBE, excepto en casos como residentes empadroados, acceso a aparcadoiros ou estacións de servizo, vehículos de persoas con mobilidade reducida, vehículos de carga e descarga en horarios permitidos, servizos públicos esenciais, entre outros. Ademais, existen distintos modelos de solicitude para obter autorizacións específicas segundo a situación do vehículo ou o seu uso (por exemplo, para traballadores, servizos esenciais, empresas de seguridade privada, vehículos históricos, etc.).

A entrada en vigor da ZBE incluirá tamén, o día 1 de xaneiro, a supresión da ORA, unha medida reiteradamente anunciada polo alcalde de Ourense e moi cuestionada desde a oposición, especialmente por parte do PSdeG, que lle pide a Jácome que elabore un plan municipal de estacionamento antes de eliminar a zona azul, alertando dos problemas que esta medida pode supoñer, sobre todo pola falta de prazas de aparcamento no centro da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.081500053405762