Entregados en Allariz os premios da campaña Merca no teu comercio

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou este mércores en Allariz no acto de entrega dos premios correspondentes á 9ª edición da iniciativa “Merca no teu comercio”, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio.
Durante o evento, no que tamén estiveron presentes a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, e a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, repartíronse 20 tarxetas prepago de 50 euros entre as persoas gañadoras, que poderán empregar os vales nos establecementos locais adheridos ata o 31 de decembro.
Alén destacou que esta campaña “funciona como un motor económico e social nas vilas galegas”, especialmente naquelas zonas rurais onde o tecido asociativo é máis reducido. Ademais, lembrou que xa está en marcha unha nova edición da iniciativa no concello de Barbadás, que se prolongará ata o 30 de outubro.
O responsable autonómico enmarcou esta actuación dentro do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que ten como obxectivo impulsar un sector “moderno, competitivo e capaz de adaptarse ás novas tendencias de consumo”, ao tempo que se reforza o seu papel como xerador de emprego, riqueza e cohesión territorial.