Entregados os premios do Concurso de Decoración de Nadal na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Este martes celebráronse na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras a entrega dos premios do Concurso de Decoración de Nadal, unha iniciativa que busca achegar o espírito das festas aos centros sanitarios públicos da provincia a través da creatividade e o compromiso dos profesionais.
No Hospital Universitario de Ourense, o primeiro premio foi para a 6ª do Cristal, Unidade de Insuficiencia Cardíaca do Servizo de Medicina Interna. O segundo premio recaeu no servizo de Cociña, mentres que o terceiro foi para o Servizo de Farmacia.
O xurado, composto por representantes das asociacións Down Ourense, Tourette Galicia e Voluntariado de Cruz Vermella, tamén outorgou mencións especiais a diversos servizos e centros que destacaron pola súa orixinalidade e calidade nas súas decoracións. Entre eles, o Centro de Saúde de Crespos (Padrenda) foi recoñecido polo seu lema “O espírito do Nadal no rural”. A Unidade de Agudos do Servizo de Psiquiatría, Primeira Sur, recibiu unha mención pola proposta “Os pacientes artistiñas”. Tamén foron distinguidos o Servizo de Urxencias, pola súa creativa representación dos “Elfos do Bosque”, e a Sétima Sur (Hematoloxía) pola súa “Elegancia e distinción”.
No Distrito Sanitario de Valdeorras, o servizo de Reanimación foi o gañador do primeiro premio, seguido de Rehabilitación en segunda posición e a Unidade de Hospitalización Azul en terceiro lugar.
No Distrito de Verín, o primeiro premio entregouse ao servizo de Urxencias, mentres que o segundo e terceiro premios foron para Limpeza e Laboratorio, respectivamente.
Para a valoración das propostas, o xurado tivo en conta a temática, a creatividade e orixinalidade, a autenticidade do decorado e o uso responsable de materiais, destacando especialmente a reutilización e o emprego de elementos reciclados.