Escolares de Cenlle e Coles descubriron o oficio tradicional da elaboración de pandeiretas da man do programa ‘Artesanía na escola’

OurenseXa
O artesán Xosé Manuel Sanín visitou o CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle, e o CEIP Plurilingüe Antonio Faílde, de Coles
obrdoiro-artesania-escoares-coles
5 Feb 2026

Escolares de Cenlle e Coles participaron eta semana no programa ‘Artesanía na escola’, unha iniciativa de divulgación dos oficios artesanais dirixida ao alumnado de Primaria. A actividade contou coa participación do artesán Xosé Manuel Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional de Santiago de Compostela, que visitou o CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle, e o CEIP Plurilingüe Antonio Faílde, de Coles.

Durante as sesións, Sanín explicou ao alumnado a historia da pandeireta e amosou de maneira práctica como se elaboran estes instrumentos tradicionais, achegando así aos nenos e nenas un dos elementos máis representativos da música popular galega. O artesán é o protagonista da unidade didáctica ‘Eu son artesán de percusión tradicional’, a segunda do proxecto Artesanía na escola, centrada na historia e na elaboración da pandeireta.

Este programa, impulsado pola Xunta desde o ano 2023, ten como obxectivo dar a coñecer os oficios artesanais como parte do patrimonio cultural e tamén como un sector económico de relevancia. A iniciativa busca poñer en valor o produto feito á man, transmitir os valores da artesanía vinculados ao consumo responsable, á produción local e sustentable e, a longo prazo, favorecer o relevo xeracional nestes oficios.

Artesanía na escola estrutúrase en unidades didácticas monográficas que se envían aos centros educativos en formato papel e dixital. Cada unha delas presenta a historia dun artesán ou artesá e ofrece a posibilidade de recibir visitas dos profesionais participantes, como as realizadas estes días en Cenlle e Coles.

A Fundación Artesanía de Galicia vén de publicar a terceira unidade do programa, ‘Eu son artesán de figuras de pan’, dedicada á elaboración dos tradicionais sanandresiños de Santo André de Teixido, a partir da figura do artesán Jorge Bellón. Está previsto que estas demostracións cheguen proximamente a outros centros educativos de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.082206010818481