Esgos conmemorou o 25N lanzando unha campaña de sensibilización contra a violencia machista

O Concello de Esgos sumouse este sábado á conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cunha campaña destinada a sensibilizar á veciñanza e reforzar a prevención fronte a calquera forma de violencia machista.
Co obxectivo de promover a reflexión colectiva, o municipio repartiu entre os establecementos comerciais varias láminas informativas con termos clave, definicións e mensaxes que axudan a identificar e comprender comportamentos vinculados á violencia contra as mulleres. Trátase dunha acción pensada para achegar conceptos básicos á cidadanía e fomentar unha maior conciencia social no día a día.
Desde o Concello lembran a importancia de que tanto as vítimas como as persoas que poidan ser testemuñas dunha situación deste tipo coñezan os recursos dispoñibles para solicitar axuda, asesoramento ou apoio. O teléfono 016 continúa sendo o canal de atención permanente, sen deixar rastro na factura, ademais do enderezo electrónico 016-online@igualdad.gob.es e do servizo por WhatsApp no número 600 000 016.