Esgos prepara un mes cheo de actividades de Nadal

OurenseXa
Talleres, concurso, visitas de Papá Noel e os Reis Magos encherán de actividades o municipio ata principios de xaneiro
nadal-esgos
8 Dec 2025

O Concello de Esgos presenta unha completa programación de Nadal para este 205/2026, que inclúe actividades para todas as idades e unha campaña solidaria de recollida de alimentos. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil será a encargada de recoller entre a veciñanza alimentos non perecedeiros para entregar ao banco de alimentos de Ourense.

Entre as propostas destaca o XXVI Concurso de Tarxetas de Nadal, aberto a nenos e nenas menores de 14 anos, que poden empregar todo tipo de materiais. As postais deberán entregarse nas oficinas municipais antes do 29 de decembro.

Para os máis pequenos, o xoves 18 de decembro ás 17:30 horas terá lugar un obradoiro de manualidades infantís, dirixido a nenos maiores de 4 anos, con prazas limitadas e un custo de 5 euros por participante.
O domingo 21 de decembro, a Banda de Gaitas do Concello ofrecerá un concerto de Nadal no Centro Cultural Parada Justel ás 17:30 horas.

O martes 23 de decembro, tamén na biblioteca municipal e ás 17:30 horas, haberá unha sesión de xogos de mesa, con rummi, parchís e xestos.

O martes 30 de decembro celebrarase a Pazalonadía, unha actividade gratuita para os empadroados, con inscrición previa no Concello antes do 22 de decembro, e cun custo de 5 euros para os non empadroados.

Xa en xaneiro, o sábado 3, terá lugar un obradoiro de maxia no Centro Cultural Parada Justel, aínda con horario por confirmar.

Por último, o luns 5 de xaneiro ás 12:00 horas, os Reis Magos visitarán o Centro Cultural Parada Justel para compartir cos máis pequenos.

⚙ Configurar cookies
0.080703973770142