Esgos prepárase para un mes de agosto cargado de actividades

O Concello de Esgos presenta a súa programación cultural e de lecer para o mes de agosto, con actividades pensadas para todos os públicos. A primeira cita será o luns 4 ás 16:30 horas cun curso de socorrismo acuático que se impartirá na piscina municipal.
O cine ao aire libre tamén estará presente este mes. O mércores 6 proxectarase Padre no hay más que uno IV en Vilar de Ordelles ás 22:30 horas. A seguinte sesión de cine será o día 20 ás 22:00 horas na Praza da Souteira, en Esgos.
O sábado 9 de agosto terá lugar a Feira do Pinto, na que se incluirá unha degustación de callos. Tamén na Praza da Souteira, o mércores 13, o grupo de acordeóns Bieito Blanco ofrecerá un concerto ás 20:30 horas.
O domingo 17, ás 12:00 horas, celebrarase un encontro de repenicadores de campás na igrexa de Vilar de Ordelles. Xa o mércores 20 pola mañá, entre as 10:30 e as 13:30 horas, haberá inchables e festa da escuma na contorna das piscinas. A programación rematará o xoves 21 coa Festa do Emigrante, tamén na Praza da Souteira.