Espazos Efémeros converteu o Mercado de Abastos de Celanova nun punto encontro para o comercio local e a artesanía

O Mercado de Abastos de Celanova acolleu durante esta Semana Santa unha nova edición de Espazos Efémeros, unha iniciativa orientada a dinamizar o comercio local e fomentar o emprendemento no rural galego a través da combinación de tradición e innovación.
Durante toda a fin de semana, o mercado converteuse nun espazo de encontro no que se deron a coñecer proxectos de distintos ámbitos, como o téxtil, a cerámica, a xoiería, a tecnoloxía ou a gastronomía, poñendo en valor a diversidade e o talento existente na comarca.
Espazos Efémeros contou, por un lado, cunha feira con exposición e venda de produtos e servizos, así como cunha zona gastronómica, onde os asistentes puideron degustar e adquirir diferentes propostas, ademais de participar en actividades de lecer como obradoiros e concertos en directo.
Espazos Efémeros enmárcase nun proxecto de cooperación entre os Grupos de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste Eurural, Limia-Arnoia e Oriente de Asturias, que aposta por novas fórmulas de dinamización económica e cultural no medio rural, baseadas na innovación, a identidade territorial e a participación cidadá.
A iniciativa contou con financiamento do FEADER a través de AGADER e dos fondos Leader, cun orzamento global superior aos 137.000 euros, co obxectivo de desenvolver un modelo replicable de activación comercial e cultural en territorios rurais.