Especialistas de toda Galicia reuníronse en Allariz nun congreso sobre hematoloxía

OurenseXa
A cita, impulsada polo Servizo de Hematoloxía do CHUO, cumpriu a súa maioría de idade consolidada como un dos principais encontros para especialistas en hematoloxía en Galicia
congreso-hematoloxia-allariz
1 Dec 2025

Case 60 expertos reuníronse este fin de semana en Allariz na 18ª Reunión de Neoplasias Mieloides, un congreso organizado polo Servizo de Hematoloxía do Hospital Universitario de Ourense que se consolidou como un dos principais encontros para especialistas en hematoloxía en Galicia.

O evento reuniu na vila alaricana a recoñecidos hematólogos nacionais, e mantivo un enfoque especialmente formativo e colaborativo dirixido a profesionais en etapas iniciais da súa carreira.

Desde a súa primeira edición, esta reunión converteuse nun espazo habitual para actualizar coñecementos científicos relacionados con leucemias agudas, síndromes mielodisplásicos e neoplasias mieloproliferativas, poñendo especial atención nos avances terapéuticos e os desafíos na atención clínica. Segundo os organizadores, a participación de relatores de referencia e a implicación de residentes de distintas áreas sanitarias galegas foron claves para a súa continuidade e éxito, sempre con Allariz como sede fixa.

Nesta edición participaron destacados especialistas nacionais como Jordi Esteve, David Valcárcel e Alberto Álvarez-Larranz, de Barcelona; Ana Alfonso, de Navarra; Jorge Labrador, de Burgos; e Sandra Muntión Olave, de Salamanca, experta en diagnóstico molecular. Ademais, contou coa presenza de profesionais galegos como Paloma Picallo, de Vigo, e outros representantes de hospitais públicos da comunidade.

Un dos aspectos máis importantes do congreso foi a presentación de casos clínicos recentes por parte de hematólogos en formación ou recentemente incorporados, consolidando este encontro como plataforma para impulsar o perfil científico e investigador das novas xeracións. Nesta edición expuxéronse casos tanto galegos como dun centro de referencia nacional como o Hospital Clínic de Barcelona.

A reunión celebrouse nun contexto marcado por importantes avances no tratamento das neoplasias mieloides. Nos últimos anos incorporáronse fármacos dirixidos a alteracións moleculares específicas, como os inhibidores de IDH1, IDH2 e FLT3, que melloraron a supervivencia de numerosos pacientes. Desde Ourense destacan que estas novas terapias, combinadas coa quimioterapia tradicional, supoñen un cambio de paradigma na enfermidade, permitindo abordar cada subtipo de leucemia de forma personalizada.

O Servizo de Hematoloxía do Hospital Universitario de Ourense é un referente no manexo da leucemia en pacientes maiores de 65 anos, un grupo con alta incidencia debido ao envellecemento demográfico. Hai quince anos, a expectativa de vida para estes pacientes era moi limitada, pero a introdución de novos medicamentos e tratamentos combinados mellorou notablemente o seu prognóstico. Así mesmo, Ourense foi pioneiro en España na administración domiciliaria de azacitidina subcutánea, unha práctica que mellora a calidade de vida ao evitar desprazamentos frecuentes, contando co apoio fundamental do persoal de enfermaría.

Actualmente, o servizo atende entre 10 e 20 novos casos anuais de leucemia mieloide aguda, cunha proporción equilibrada entre pacientes maiores e menores de 65 anos.

Os expertos coinciden en que a análise xenética inicial é hoxe fundamental para definir o prognóstico e seleccionar o tratamento, incluída a necesidade de transplante de médula ósea, para o cal se inicia a procura de doantes compatibles entre familiares ou a nivel internacional. Esperase que nos próximos anos se multiplique por cinco a realización de estudos xenéticos, o que abre camiño a tratamentos cada vez máis personalizados.

A reunión de Allariz busca precisamente facilitar a actualización continua dos profesionais nun campo en rápida evolución, camiñado cara a un futuro no que se tratarán as enfermidades non só de forma xenérica, senón definidas polas súas alteracións moleculares e con terapias adaptadas a cada caso, segundo sinalan desde a organización.

⚙ Configurar cookies
0.080678939819336