Esta semana arrancarán os traballos de limpeza en varias estradas autonómicas ao seu paso polas provincias de Lugo e Ourense

A Xunta iniciará a vindeira semana os traballos de limpeza e roza nas marxes da estrada autonómica LU-616, ao seu paso polo municipio lucense do Saviñao.
Ademais, comezarán na provincia de Ourense as tarefas de acondicionamento das sendas da estrada OU-101, na Medorra e Ponte Sevilla, en Ourense; e nas da estrada OU-537, nos seus percorridos polo parque tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas; e polo polígono empresarial do Pereiro de Aguiar.
Con respecto ás actuacións en execución na provincia de Ourense, proseguirán as labores de roza e limpeza na estrada OU-801, no se percorrido polo municipio no tramo Maceda- O Paiseo, e na OU-212 ao seu paso por Beade.
Seguridade viaria
Todas estas intervencións consisten na limpeza e roza de vexetación na zona de dominio público das estradas de titularidade da Xunta, e na reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas autonómicas ou no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.
A Xunta, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.
As actuacións da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas están enmarcadas no contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que conta cun investimento total de 4 millóns de euros.