Estudantes de Enxeñaría Civil visitan o Centro de Control da CHMS en Ourense para coñecer o funcionamento da rede hidrolóxica

OurenseXa
Coñeceron o funcionamento dos 160 puntos de control que transmiten en tempo real información esencial sobre variables hidrometeorolóxicas e de calidade das augas
eestudantes-enxeneria-civil-visitan-ourense
1 Dec 2025

Alumnado de Enxeñaría Civil da USC, xunto con estudantes de intercambio procedentes de México, Perú e Colombia, visitou o Centro de Control de Conca (CECU) da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) en Ourense para coñecer de primeira man o funcionamento diario destas instalacións. A xornada permitiulles observar como se xestiona en tempo real a información hidrometeorolóxica e de calidade da auga que se recolle en toda a demarcación.

O persoal do CECU ofreceu unha explicación detallada sobre o proceso de recepción, tratamento e transmisión dos datos que chegan desde os distintos puntos de control dos sistemas SAIH e SAICA, distribuídos ao longo de ríos, encoros e acuíferos. Estes equipos rexistran variables hidrometeorolóxicas cada cinco minutos, o que facilita unha vixilancia continua e a detección temperá de incidencias. Ademais, o alumnado puido coñecer os plans de actuación fronte a episodios de seca, inundacións ou outros imprevistos.

Durante a visita, os estudantes tamén observaron o funcionamento das ferramentas e modelos de predición hidrolóxica empregados polo SAIH, así como os parámetros físico-químicos monitorizados polo Sistema Automático de Calidade das Augas (SAICA).

A xornada completouse cunha saída ao campo para visitar unha estación do Sistema Automático de Información Hidrolóxica situada no río Miño ao seu paso por Ourense. Alí comprobaron como se recollen os datos mediante diversos sensores e como se envían por satélite ao CECU para o seu seguimento e análise, especialmente en situacións de posibles crecidas ou vertidos.

O Sistema Automático de Información Hidrolóxica da demarcación conta con 160 puntos de control que transmiten en tempo real información esencial sobre variables hidrometeorolóxicas e de calidade das augas.

⚙ Configurar cookies
0.073530912399292