Estudios Abertos regresará en outubro para achegar a creación artística ao público ourensán

Do 24 ao 26 de outubro, unha nova edición de Estudios Abertos Ourense permitirá visitar obradoiros de artistas profesionais da cidade e da provincia. Tras o éxito do ano pasado, no que máis de 1.500 persoas participaron na iniciativa, a organización prepara unha segunda edición co obxectivo de seguir visibilizando a creación contemporánea no territorio.
O proxecto, impulsado polo colectivo A Maquinadora, formado por exalumnado e profesorado do ciclo de Produción de Audiovisuais e Espectáculos do CIFP A Farixa, prevé abrir entre 14 e 20 estudos de arte durante esa fin de semana. Segundo a súa presidenta, Alba Souto, o evento busca demostrar “que a arte pode e debe ser transversal á vida social, cultural e empresarial da provincia”.
A actividade contará co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense, así como de patrocinadores privados que se darán a coñecer nas vindeiras semanas.
Durante os tres días do evento, os obradoiros abrirán as súas portas para facilitar o contacto entre artistas e visitantes, coa intención de “visibilizar as profesións vencelladas á arte contemporánea e ás artes plásticas”. Para Souto, trátase de “poñer en valor o potencial creativo da provincia, facer un traballo de pedagoxía para que a cidadanía se achegue sen medo á arte que se fai ao lado da súa casa, e tamén de promover o coleccionismo privado, pois mercar arte é algo accesible e necesario”.
Ademais do percorrido polos estudos, calquera establecemento comercial poderá volver sumarse á rede de locais colaboradores, que en 2024 contou con preto de 50 espazos participantes.
A Maquinadora abriu xa o proceso de inscrición para artistas profesionais con estudo propio que desexen participar nesta edición. A convocatoria está dispoñible na web www.estudiosabertos.com e permanecerá aberta durante o mes de agosto. O programa completo anunciarase en setembro.
Como novidade, ofrecerase ao tecido empresarial a posibilidade de apadriñar algún dos premios adquisición. “A idea é promover o coleccionismo privado, animar a empresas da cidade e da provincia a adquirir obra de artistas locais”, explica Alba Souto.