Éxito ourensán no torneo autonómico “Xoga Judo 2025”

O pasado sábado 17 de maio celebrouse no Pavillón de Deportes Príncipe Felipe de Pontevedra o torneo “Xoga Judo 2025”, unha competición de carácter autonómico que reuniu a centos de judokas nas categorías Benxamín, Alevín e Infantil, nados entre os anos 2011 e 2018.
Organizado pola Federación Galega de Judo, o evento enmárcase dentro dos Xogos Galegos Deportivos, pertencentes ao programa Xogade da Xunta de Galicia. Esta edición contou con tres sedes repartidas por toda a comunidade: Ferrol-Lugo, A Coruña e Vigo-Pontevedra, sendo esta última a que agrupou aos clubs de Ourense, Vigo e Pontevedra.
A Delegación Ourensá de Judo participou cun equipo composto por 24 judokas nas categorías Alevín e Infantil, baixo a dirección dos mestres Felipe Iglesias e Anita Fernández Morais. A expedición partiu desde o Parque de San Lázaro en autobús ás 8:30 horas.
A filosofía do torneo, tal como explicou o mestre Manuel Montero (7º Dan), céntrase en tres obxectivos fundamentais: “iniciar aos nenos na competición, educar a través do judo e fomentar os valores do deporte”.
Os resultados do equipo ourensán foron sobresaíntes, froito do traballo constante durante toda a tempada: 11 medallas de ouro, 1 medalla de prata, 9 medallas de bronce, 2 cuartos postos e 1 quinto posto.