Expourense acolleu este mércores o acto de enrega dos premios do encontro interxeracional Inspiro

GaliciaXa | OurenseXa
A xornada reuniu estudantes de distintos centros formativos de Galicia e do Norte de Portugal que presentaron as súas propostas durante a II Feira Educa Ourense
entrega-premios-inspiro
26 Mar 2026

Expourense acolleu este mércores a cuarta edición de Inspiro, o encontro interxeracional que conecta o tecido empresarial cos distintos modelos formativos de Galicia, incluíndo universidades e centros de Formación Profesional. Organizado por Expourense e a empresa ourensá Dixital Gou, o evento reuniu a arredor de 200 asistentes que participaron en conferencias impartidas por unha decena de expertos. A xornalista Lucía Rodríguez presentou o acto por cuarto ano consecutivo.

O encontro, enmarcado na celebración da II Feira Educa Ourense, acolleu tamén a final do Cuarto Concurso de Proxectos Emprendedores, no que competiron os 10 proxectos seleccionados entre unha trintena de propostas presentadas por estudantes da Universidade de Vigo, da Universidade de Santiago de Compostela e dos centros de Formación Santo Cristo, CPR San Martín e Colexio Valle Inclán.

O proxecto gañador foi “Sempre na casa”, desenvolvido por Paula Pato, Natalia Outomuro, Gabriel Macías e Sara Somoza, da Universidade de Vigo. Trátase dunha plataforma dixital de xestión de convivencias interxeracionais e aluguer social, que facilita o encontro entre persoas maiores con habitacións baleiras e estudantes que buscan aloxamento asequible. O premio, entregado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, inclúe 700 euros e un programa de mentorización a cargo de El Club del Emprendimiento.

O segundo premio recaeu en “EVA – Emergency Victim Assistance”, proxecto de Alicia Sambade e María del Mar Belmonte, da Universidade de Santiago de Compostela, que propón un sistema integral de xestión de incidentes con múltiples vítimas mediante xeolocalización, clasificación de pacientes e transmisión de datos en tempo real durante simulacros de catástrofe. O galardón, entregado polo deputado provincial Jorge Pumar, inclúe 500 euros e mentorización.

O terceiro premio foi para “Nova Terra”, de Pelayo Patiño, Iago Lijó e Martín Barros, da Universidade de Vigo, unha consultoría para a recuperación de terreos afectados por incendios utilizando ferramentas tecnolóxicas e drons. Foi entregado pola directora provincial da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Iria Fernández, e inclúe 350 euros e acompañamento de mentores.

Este ano incluíronse tamén dúas mencións especiais sen dotación económica: unha pola calidade da presentación, para “Hi Party” de Carlos Gosende, Alejandro Destar e Ismael González (Santo Cristo de Ourense), e outra ao proxecto máis vinculado á “Economy Silver”, concedida a “Auranova” de Lorena Martín, Noa Martínez e Ainoa Marinheiro (Colexio Valle Inclán de Ourense).

O xurado estivo formado por representantes da Confederación Empresarial de Ourense, AJE Ourense, profesores da Escola de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo – Campus Ourense e do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros.

Ademais, Inspiro rendeu homenaxe ao empresario ourensán Jorge Bermello, recoñecendo os seus máis de 65 anos de traxectoria profesional e o seu compromiso co desenvolvemento empresarial da provincia. Segundo a organización, “hai traxectorias que non só constrúen empresas, senón que constrúen cidade”. Bermello liderou Electrodomésticos Bermello, ocupou responsabilidades públicas como alcalde de Ourense e senador, e impulsou proxectos clave como a creación do recinto feiral de Expourense.

A edición 2026 de Inspiro estivo coorganizada por Expourense e Dixital Gou, co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense, a Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia e a súa Rede de Polos de Emprendemento, así como coa colaboración de AJE Ourense, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e o Club del Emprendimiento.

0.13378596305847