Expourense consolídase como referente dinamizador da economía ourensá

OurenseXa
O recinto feiral presentou a Memoria de Actividades do pasado ano no que organizou 10 feiras, acolleu 15 eventos, celebrou 30 competicións deportivas e nel foron vacinadas 33.000 persoas
A Fundación Expourense presenta os datos de 2023
21 Jun 2024

A Fundación Expourense presentou esta mañá os datos de 2023, 12 meses de intensa actividade nos que a actividade feiral e a deportiva compartiron protagonismo a través da organización de 10 feiras (unha delas celebrada no estranxeiro e outra que se celebraba por primeira vez) e de máis de 30 campionatos de atletismo (dous deles de carácter nacional). A estas actividades sumouse tamén a sanitaria, xa que as instalacións de Expourense volveron converterse en “vacinódromo” para a vacinación simultánea de Gripe e Covid das persoas maiores de 60 anos entre os meses de outubro e novembro. Nese período administráronse no recinto 32.959 doses. Os tres eixos sobre os que xirou a actividade de Expourense durante o ano pasado (feiral, deportivo e sanitario) superaron as 136.000 visitas.

A actividade de Expourense no 2023 está recollida nunha publicación que foi presentada esta mañá nun acto presidido polo director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, que acudiu coa delegación expresa do presidente do Padroado da Fundación, o Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez. Estivo acompañado polos representantes das entidades que tamén forman parte do Padroado como Marta Nóvoa Iglesias, vicepresidenta da Deputación Provincial de Ourense e alcaldesa do Concello de San Cibrao das Viñas; José Ignacio González Pérez, segundo tenente de alcalde do Concello de Ourense; Marisol Nóvoa Rodríguez, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, e José Manuel Nogueira Durán, coordinador institucional de ABANCA.

A presentación dos datos de actividade de 2023 correu a cargo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González, quen destacou que “o 2023 foi un ano deintensa actividade marcado sen dúbida pola celebración de Termatalia no Uruguai que conseguiu ser unha das mellores edicións da feira en América. Foi o ano ademais do nacemento do Salón do Vehículo Clásico e do Encontro Inspiro e no que consolidamos o resto de proxectos do calendario feiral. Xa non falamos de compatibilidade da actividade feiral coa deportiva porque xa o deporte é un piar básico da nosa actividade ao longo de todo o ano”.

Actividade feiral

Expourense organizou en 2023 un total de 10 feiras, dúas de carácter internacional e estreitamente vencelladas ao turismo de Galicia. O principal fito do ano foi sen dúbida a celebración de Termatalia no Uruguai no mes de outubro. Foi a quinta edición da feira en América e serviulle a Expourense para posicionarse como un dos poucos recintos feirais españois con capacidade para organizar os seus propios eventos fóra do país. Durante a celebración de Termatalia, Uruguai converteuse no epicentro do termalismo mundial e a feira contribuíu a situalo como un gran destino termal pola calidade e cantidade das súas augas e a súa infraestrutura termal. Esta feira contou coa participación do presidente da República Oriental do Uruguai, Luis Lacalle Pou, sendo a primeira vez que un xefe de Estado acudía a unha feira termal.

A outra cita feiral internacional do ano foi Xantar, Salón Internacional de Turismo gastronómico, que foi cualificada como “cita necesaria” para promocionar internacionalmente a enogastronomía de Galicia. Contou con 100 expositores procedentes de 5 países e incluíu novidades como unha Zona de Tapas, a entrada gratuíta ou concertos para atraer ao público.

O 2023 foi o ano tamén do nacemento dunha nova cita feiral que veu dar resposta á gran afección que hai en Ourense aos vehículos clásicos. O 1º Salón do Vehículo Clásico celebrouse no mes de xuño e tivo tan boa acollida que xa se converteu en cita fixa do calendario de Expourense.

Ademais das tres citas arriba mencionadas, Expourense organizou en 2023 outras sete citas feirais: Previsel, Car Outlet, Ourense Vinis Terrae, Antiq Auria, Salón do Automóbil Novo e de Ocasión e Sportur Galicia. Estas citas reuniron a un total de 448 expositores. No referente á procedencia dos expositores, das visitas e dos asistentes ás actividades formativas propostas pola Fundación pódese falar de 33 países representados.

Estes datos confirman a Expourense como servizo público á disposición do tecido produtivo ourensán e como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía, a viticultura, o turismo activo ou a automoción.

Actividade deportiva

Dende finais do 2017, Expourense conta cunha pista de atletismo cuberta (denominada goa short track ou pista curta), unha das tres de España e unha das mellores de Europa. No ano 2023, esta pista acolleu unha trintena de competicións deportivas e sesións de adestramiento que reuniron a un total de 30.000 visitas.
Expourense acolleu no 2023 dous Campionatos de España de Atletismo: o de Clubes COPA RFEA e Copa Iberdrola e o Sub-16. Ademais do intenso calendario de competición deportivas e adestramentos, a pista de Expourense foi elixida pola Selección Española de Relevos 4×400 para prepararse para o Campionato Europeo de Atletismo que se celebraría días despois en Estambul.
Máis alá do atletismo, as instalacións de Expourense continuaron a ser unha pista polideportiva que acolleu campionatos e adestramentos doutras disciplinas deportivas como o Hockey Sala coa celebración do Campionato de España Infantil (Masculino e Feminino) ou os adestramento dos equipos que participaron no Campionato de España de Equipos de Ximasia Rítmica celebrado no mes de xullo no Paco Paz.

Eventos

As instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a organización dunha quincena de eventos alleos ao calendario feiral do recinto. Estas citas indican que outras empresas confían nas infraestruturas, versatilidade e soporte de Expourense para organizar as súas actividades. O equipamento tecnolóxico deste recinto feiral na actualidade, sumado ás súas infraestruturas e instalacións, convértenno nun referente no sector MICE (organización de ferias, eventos, congresos e incentivos) de Galicia e constatan o papel de dinamizador do territorio e de referencia internacional que xogan as feiras e eventos organizados polo recinto.

O recinto foi elixido por varios partidos políticos para realizar distintos actos de campaña; por empresas de formación como Ilerna para realizar os seus exames oficiais o como Saltoki que impartiu no recinto formación aos seus asociados e clientes.

As instalacións de Expourense volveron convertese na comisaría de Policía na rodaxe da segunda parte do filme “Cuñados” e foi o escenario elixido por distintos departamentos da Xunta de Galicia para organizar eventos como a entrega de material deportivo aos clubes de Ourense, para presentar Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 2030; para acoller o Espírito Ribeiro ou o Foro “Galicia sabe AMar”.

A estas actividades súmanse xa outros eventos habituais como o Rallye de Ourense ou o “OUR FEST” que celebrou a súa segunda edición con Suede como cabeza de cartaz. Tamén foron as instalacións elixidas para ofrecer lecer ás familias ourensás acollendo ao longo do ano unha exposición interactiva de dinosaurios e dous circos.

Formación

No 2023, Expourense fixo un importante esforzo á hora de promover, organizar e acoller xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional. Organizou dous Congresos Internacionais que se celebraron de xeito paralelo e complementario a dúas das citas do seu calendario feiral: o IV Congreso Internacional sobre Auga e Saúde de Termatalia Uruguai (40 expertos internacionais e foi seguidos por 500 inscritos procedentes de 20 países) e o IV Congreso Internacional de Turismo e Deporte celebrado de forma conxunta con Sportur Galicia (coa participación de 23 expertos que analizaron o potencial e a influencia do deporte na oferta turística dun destino e foi seguido por 500 congresistas). Ambos eventos celebráronse en formato híbrido entre presencial e virtual e tamén puideron ser seguidos en español ou inglés.

Tamén no 2023, Expourense e a empresa ourensá de marketing dixital DixitalGou puxeron en marcha a primeira edición de Inspiro, o Encontro Interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (Universidade e Centros de Formación Profesional) tanto de Galicia como do Norte de Portugal. Emprendemento, innovación e talento foron os fíos condutores deste encontro que reuniu a 200 asistentes que participaron activamente no programa de xornadas impartido por unha vintena de expertos.

A estes congresos hai que sumar as xornadas técnicas organizadas en feiras como Previsel, Ourense Vinis Terrae ou Xantar ou o Simposio Internacional sobre Enerxías Renovables- Arquitectura Sostible organizado de forma conxunta coa empresa ourensá Ingeo e que celebrou a súa 16ª edición.

Posta en valor da innovación e a calidade

A confluencia nas feiras e eventos celebrados en Expourense dos axentes públicos e privados implicados nos sectores económico converten a estas citas no escenario axeitado para recoñecer publicamente a aposta pola innovación, a calidade e o emprendemento. Deste xeito, Expourense entregou no 2023 unha nova edición dos premios “Premios Xantar Internacional” e da Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae. Como novidade neste apartado, organizouse 1º Concurso de Proxectos Emprendedore (enmarcado no Encontro Inspiro) e a 1ª Cata Cega por equipos “Coñece os noso viños” (actividade de Ourense Vinis Terrae).

A Xunta pon en valor a labor de Expourense

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, foi o encargado de clausurar o acto. Como representante autonómico e como membro do Padroado de Expourense, destacou a versatilidade deste recinto, que o permite consolidarse como referente dinamizador máis aló da súa oferta feiral e expositiva.

Deste xeito, Alén non só puxo en valor que Expourense organiza feiras internacionais de sona en todo o mundo arredor da alimentación ou do termalismo, senón tamén que soubo adaptarse ás novas necesidades e convertese en referente deportivo, formativo ou de diversas citas musicais.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18540692329407