Expourense inaugura o 17º Salón da Prevención e Seguridade Laboral

OurenseXa
Na inauguración participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja
Inauguración_previsel
Inauguración do 17º Salón da Prevención e Seguridade Laboral (Previsel)
13 Mar 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja participaron hoxe na inauguración do 17º Salón da Prevención e Seguridade Laboral (Previsel), que se celebra un ano máis en Expourense co apoio da Xunta. Na súa intervención, Villanueva destacou a importancia deste encontro único en Galicia a prol da divulgación e a cualificación para evitar e afrontar riscos nas contornas laborais. Neste sentido, salientou o labor realizado pola Xunta en materia de emerxencias a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), e os exercicios e simulacros de plans de emerxencia de protección civil.

Segundo sinalou o director xeral, a Agasp organiza cada ano diversas accións formativas para dotar tanto os membros das forzas e corpos de seguridade coma o persoal dos equipos de emerxencia municipais dos recursos precisos para desenvolver o seu labor con seguridade e garantir a protección da cidadanía. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.

A maiores, referiuse ao apoio da Xunta ao traballo preventivo e de intervención das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) e dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), con axudas ao equipamento, que suman 26 millóns de euros nos últimos anos, e ao funcionamento, con 340.000 euros anuais.

Por outra banda, Villanueva destacou á importancia dos exercicios e simulacros de plans de emerxencia de protección civil para a coordinación entre os grupos operativos e a avaliación da capacidade para a toma de decisión dos órganos de xestión.

O director xeral incidiu en que, neste sentido, a Xunta aprobou en 2022 o decreto que actualiza o catálogo de actividades, centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias dos que as persoas titulares teñen a obriga de elaborar e rexistrar plans de autoprotección (PAU), co obxectivo de controlar os riscos sobre as persoas ou bens para dar unha resposta adecuada e garantir a súa  integración no sistema público de protección civil. O decreto establece tamén as medidas mínimas de protección que deben contemplar os plans de autoprotección e actuacións para axilizar o procedemento de rexistro.

Ademais, Previsel conta un ano máis coa participación da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) que instalou o seu Posto de Mando Avanzado, onde se pode ver de primeira man a tecnoloxía utilizada nesta unidade móbil para intervencións en caso de accidente ou catástrofe.

Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo

A Administración autonómica colabora tamén con este evento no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, que avoga pola saúde integral das persoas traballadoras, o crecemento económico e social das empresas e organizacións e polo benestar laboral.

No salón Previsel, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade presentará a campaña do Issga de prevención do risco químico nas tarefas de manicura profesional e tratamentos para pestanas en perruquerías e centros de estética. O uso de distintos produtos cosméticos pode resultar perigoso para os profesionais que os aplican se non se adoptan medidas oportunas. Esta exposición pode dar lugar a danos na saúde: para a pel, o sistema respiratorio, os ollos, ou influír negativamente nas  traballadoras embarazadas ou en período de lactación natural.

O Issga dará a coñecer, por outra banda, a iniciativa Prevención de riscos laborais en augas minerais e termais, que pon o foco nos establecementos de augas minerais e termais para minimizar os riscos laborais nestas actividades. Elaborouse un documento técnico, coa colaboración do sector, enfocado tanto ao persoal traballador como á propia empresa. As condicións ambientais, os trastornos musculoesqueléticos, o uso de equipos de protección individual ou os primeiros auxilios son algúns dos aspectos subliñados.

0.2265739440918