Expourense renova as súas certificacións de calidade e medio ambiente por 24º ano consecutivo

A Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, vén de renovar por vixésimo cuarto ano consecutivo as súas certificacións de Calidade (ISO 9001) e de Xestión Ambiental (ISO 14001), avaladas por AENOR. A entrega dos certificados tivo lugar recentemente, nun acto no que participaron o director de AENOR en Galicia, José Enrique Rodríguez Coello; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González; e o responsable de Calidade do recinto, Emilio González Pérez.
Expourense marcou un fito en febreiro de 2002 ao converterse no primeiro recinto feiral de Galicia e no terceiro de España —despois de Bilbao e Valencia— en obter unha certificación ISO 9001. Posteriormente, en 2008, volveu destacar ao ser tamén o primeiro de Galicia en incorporar a norma ISO 14001 de xestión ambiental. Desde entón, ambos recoñecementos forman parte esencial da súa identidade corporativa e fóronse renovando ano tras ano.
Estas certificacións constitúen unha ferramenta clave para acadar os obxectivos estratéxicos do recinto, centrados en promover a internacionalización, a calidade, a innovación, o emprendemento e a formación entre o tecido empresarial e social.
En materia ambiental, a norma ISO 14001 esixe a Expourense unha xestión rigorosa dos impactos derivados da súa actividade. Isto inclúe o control de emisións, verteduras, residuos, niveis de ruído, posibles fugas de hidrocarburos e a prevención de contaminacións específicas como a lexionela. Todo isto reforza o seu compromiso cun modelo de funcionamento sostible e responsable.