Falece o pintor ourensán, Alexandro, membro do coñecido grupo dos “artistiñas” do Eironciño dos Cabaleiros
O coñecido pintor ourensá, Alexandro, faleceu este xoves na súa residencia de Muxía. O pintor formou parte durante os anos 50 e 70 do coñecido grupo dos “artistiñas”, do que tamén formaron parte artistas como Xaime Quessada, Arturo Baltar, Xosé Luis De Dios, Virxilio, Buciños ou Acisclo Manzano.
Alexandro González Cruz naceu en Ourense (1945), viviu en Berlín e París. As súas primeiras exposicións, a principios dos anos 70, xiran en torno a Santiago, Ourense e Madrid. A colección municipal posúe varias obras da súa autoría, dada a estreita relación que sempre mantivo co Museo Municipal cando vivía na rúa da Paz.
O centro municipal José Ángel Valente acolleu en decembro de 2015 unha exposición na que o pintor ourensán apostaba por un grande formato, e amosaba a súa pegada inconfundible, marcada por un cromatismo único, e mantendo elementos que formaban parte da súa esencia. Alexandro “non facía debuxo previo e facía varios cadros á vez, non lle poñía título aos cadros para non contar unha historia e conseguir que cada un deles creara a súa propia historia”, destaca Gonzalo Jácome.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, expresou esta mañá as súas condolencias polo falecemento do pintor ourensán: “é unha gran perda dun referente da arte e da cultura da nosa cidade”, manifestou. O rexedor puxo en valor a figura do artista e da súa transcendencia na cidade, especialmente durante os anos no que o Eironciño dos Cabaleiros foi o centro de reunión deste grupo dos “artistiñas”, cuxa obra permanece na memoria colectiva da cidade.