FAPA Ourense reforzará a seguridade nos servizos de almorzo e comedor escolar con dispositivos antiatragantamento

OurenseXa
A medida afecta aos servizos de atención temperá que a federación presta nos colexios CEIP A Ponte, Mestre Vide e Curros Enríquez, así como ao comedor do CEIP Curros Enríquez
Nenos no comedor escolar
9 Mar 2026

A Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais de Centros Públicos de Ourense (FAPA Ourense) reforzará a seguridade nos servizos de almorzo e comedor que xestiona en varios centros educativos da cidade mediante a incorporación de dispositivos de emerxencia contra o atragantamento.

A medida afecta aos servizos de atención temperá que a federación presta nos colexios CEIP A Ponte, Mestre Vide e Curros Enríquez, así como ao comedor do CEIP Curros Enríquez. Ademais de dotar aos centros con estes dispositivos, FAPA Ourense ofrecerá formación específica ás monitoras do servizo de catering contratado para garantir o seu uso correcto.

Con esta iniciativa, a entidade busca mellorar a prevención e a capacidade de resposta ante posibles incidencias durante as comidas, co obxectivo de garantir unha contorna máis segura para as persoas usuarias destes servizos.

Dende a federación destacan que os programas de almorzo e comedor que promove se consolidaron como un referente a nivel nacional en distintos ámbitos. Á calidade dos produtos e á promoción de hábitos de alimentación saudable súmase agora este reforzo en materia de seguridade e formación do persoal.

FAPA Ourense subliña así o seu compromiso coa mellora continua dos servizos que ofrece, priorizando o benestar, a saúde e a seguridade das persoas atendidas nos centros.

0.12706899642944