ForGA organiza en Ourense cursos gratuítos para a inserción laboral de persoas desempregadas

OurenseXa
A formación comezará en setembro e suma un total de 75 prazas, cun máximo de 15 participantes por curso.
curso-soldadura-forga-ourense
11 Jul 2025

A Fundación para a Orientación Profesional de Galiza (ForGA) pon en marcha na súa sede de Ourense cinco cursos totalmente gratuítos dirixidos a persoas desempregadas que desexen mellorar as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral.
A formación comezará en setembro e suma un total de 75 prazas, cun máximo de 15 participantes por curso. As persoas interesadas deberán estar inscritas como demandantes de emprego. A oferta inclúe certificación oficial, prácticas en empresas e formación en prevención de riscos laborais.

As especialidades dispoñibles son Soldadura por arco con electrodo revestido; Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais; e Habilitación para a docencia en graos A, B e C do sistema de Formación Profesional.

Antonio Mera, representante de ForGA en Ourense, subliña que esta é “unha moi boa maneira de acceder ao mercado laboral, xa que os alumnos e alumnas obteñen unha formación práctica que lles permite obter a capacitación profesional que necesitan”.
A Fundación para a Orientación Profesional, a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, o Emprego e a Formación en Galiza, creada en 1996, conta cunha rede de centros homologados en toda Galicia. Os cursos están financiados pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación.

⚙ Configurar cookies
0.18085718154907