Frei Canedo de Verán celebrará a súa segunda edición con actividades para todas as idades

OurenseXa
A edición do ano pasado logrou reunir máis de 2.000 persoas para celebrar este Entroido de verán de da cidade
entroid-verano-frei-canedo-definitivo
Cartel do Frei Canedo de Verán
4 Jun 2025

A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte organiza por segundo ano consecutivo o Frei Canedo de Verán, que terá lugar o sábado 14 de xuño no campo da feira, no barrio da Ponte (Ourense). Tras o éxito da edición anterior, que reuniu máis de 2.000 persoas, o evento busca consolidarse como unha cita de referencia no calendario lúdico da cidade durante o mes de xuño.

Desde a organización destacan que se trata dunha xornada aberta a todos os públicos, de balde e con propostas dirixidas tanto a nenos e nenas como a mozos e maiores. O programa inclúe xogos, inchables, pasarrúas, sesión vermú, comida popular, festa da escuma, concursos e unha festa DJ para pechar a xornada.

Unha das novidades deste ano será o pasarrúas previsto para o venres 13, no que o personaxe de Frei Canedo percorrerá as rúas do barrio acompañado polo grupo Cantares da Cunha.

Os actos do sábado comezarán ás 11:00 horas cun pasarrúas desde a estación de tren ata o campo da feira. Ás 12:00 horas arrancará a sesión vermú con música e servizo de polbeiro. O xantar popular celebrarase ás 14:30 horas, cun menú para adultos (25 euros) e outro infantil (12 euros), e xa se poden adquirir os tickets en varios puntos do barrio.

Durante toda a xornada haberá actividades infantís, como inchables e talleres, supervisados por monitores, e pola tarde celebrarase a tradicional festa da escuma. Ás 18:00 horas será o turno do concurso de touro mecánico para maiores de 16 anos, e ás 20:00 horas comezará o concurso de disfraces, tanto individual como en grupo, con premios económicos para os mellores.

A xornada rematará cunha gran festa de disfraces a partir das 21:00 horas, animada polos DJs Verbena Disco e King Dawit. Tamén se habilitarán puntos de comida rápida durante a tarde e noite.
Desde a asociación agradecen a implicación do vecindario, de máis de 60 negocios colaboradores e do Concello de Ourense, polo seu apoio e cesión de espazos.

⚙ Configurar cookies
0.16643977165222