Gabriel Alén resaltou o papel da olería tradicional no X Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia

O programa complétase coas actuacións de música tradicional dos grupos Xunquereteiras, o venres, e Os Trabazos, o sábado 17
X-Encontro-de-Cacharreiros-de-Niñodaguia-Xunqueira-de-Espadanedo
16 Ago 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron na apertura do X Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia, que se celebra no Museo da Olería de Niñodaguia ata o domingo 18.

Durante a súa visita, Gabriel Alén resaltou o papel da olería tradicional na Artesanía de Galicia e a importancia do apoio institucional a este tipo de eventos monográficos que contribúen a manter, amosar e poñer en valor estes oficios artesanais.

Como cada ano, a Xunta colabora neste evento, organizado polo Concello de Xunqueira de Espadanedo, que se está a consolidar como unha cita de referencia para o sector da olería e da cerámica.

Entre os participantes desta edición atópanse os oleiros de Niñodaguia Agustín Vázquez e Enrique Cabana, Olería do Batán (Baños de Molgas), Carlos San Claudio (Vigo), Antón Román (Gondomar) e Susana González (A Coruña); e en representación da olería portuguesa, os artesáns Carlos Lima e Xana Monteiro. Ademais, está prevista a participación do telleiro O Buraco, do torneiro Adrián Pena (Vigo) e da cesteira Julia de la Cal (O Porriño).

A programación de actividades inclúe demostracións ao vivo e venda de pezas, así como visitas guiadas ao Museo da Olería de Niñodaguia, que terán lugar os tres días en dúas quendas, ás 13.00 e ás 18.00 horas.

O programa complétase coas actuacións de música tradicional dos grupos Xunquereteiras, o venres, e Os Trabazos, o sábado, que terán lugar a partir das 20.00 horas.

0.19188189506531