Héctor Francesch presenta a exposición “A Vida interior” no Centro Cultural Marcos Valcárcel

OurenseXa
O artista coruñés presenta a súa serie máis recente e persoal na que destaca a capacidade da pintura para transcender a súa propia forma física e converterse nunha exploración da vida
A_vida_interior_Hector_Francesch_Marcos_Valcarcel
26 Xan 2024

O artista coruñés Héctor Francesch, que vén de celebrar os seus 25 anos de carreira artística, presentou esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense o seu proxecto máis recente e, tamén, o máis persoal: “A Vida interior”. A inauguración da mostra correu a cargo do deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; da comisaria da mostra, Matilde Rodríguez; do director do Centro Cultural, Francisco González; e do propio autor

Trátase dunha exposición articulada a través dunha serie de escenas de interior a través das cales o artista reflexiona sobre a identidade, o fogar, o traballo ou a pertenza, e nas que rende unha cálida e divertida homenaxe á vida cotiá e aos elementos materiais que o conforman.

Do bodegón clásico ás esculturas de ferro policromado

A mostra inspírase nun tema clásico como é o bodegón, pero cun marcado enfoque gráfico que toma elementos da arte urbana, o deseño e a ilustración, características distintivas da produción do artista. Héctor Francesch xoga coa simplificación dos elementos ao máximo, estilizando os obxectos ata crear pezas abstractas que destacan pola limpeza das composicións, con cores vibrantes e liñas definidas. Combinacións que fan referencia, tamén, aos deseños feitos con técnicas dixitais, o que acaba traducíndose nunha especial atención nos detalles e nos acabados. Unha serie cunha clara vertente expandida no seu aspecto formal, que experimenta con materiais e formatos, conseguindo unha evolución dos seus personaxes fóra do lenzo, transformándoos en pezas de ferro policromado, destacando a capacidade da pintura para transcender a súa propia forma física.

A vida interior é un chamamento a reler o que temos diante pero sen tanta presa. Imaxinando a mellor versión do que pode ser o mundo e a vida. Unha serie chea de vitalidade que leva a pegada inconfundible do seu creador, Héctor Francesch, artista incombustible, sempre en constante aprendizaxe, que con esta exposición individual marca o comezo dun novo ciclo que se perfila tan frutífero como o anterior.

A mostra poderá visitarse ata o día 31 de marzo, en horario semanal de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas e sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00 horas.

0.19992995262146