Inaugurada unha nova edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz

OurenseXa
Este encontro anual, único nas súas características no Estado, poderá visitarse ata finais de outubro
inauguracion-xardins-de-allariz
Inauguración do Festival Internacional de Xardíns de Allariz
18 May 2025

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz abriu as súas portas este sábado, 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. Este encontro anual, único nas súas características no Estado, poderá visitarse ata finais de outubro.

Baixo o lema “Cambio climático, unha oportunidade para o xardín”, a edición deste ano propón unha reflexión colectiva sobre como os espazos verdes poden contribuír á mitigación e adaptación fronte á emerxencia climática. O festival convida a repensar o deseño paisaxístico como ferramenta activa na loita contra o cambio climático, sen renunciar á creatividade e á expresión artística.

Máis dunha trintena de proxectos presentáronse a concurso, dos cales nove veron a luz este sábado 17 de maio e estarán en competición, podendo ser votados polo público visitante. Completan a mostra o xardín escolar deseñado polo CEIP Padre Feijóo de Allariz e os dous xardíns gañadores da edición anterior: “O xardín ao revés”, de Madrid, gañador do voto popular 2024, e “Entra nunha obra de arte”, de Viena, gañador do voto técnico do xurado (AEP) 2024.

Nesta edición participan equipos procedentes de Las Palmas de Gran Canaria, Madrid, Ourense, Allariz, Ecuador, Uruguai, México, Bolivia e Austria, o que consolida o carácter internacional do festival e a súa capacidade de atraer propostas de perfís diversos, cunha mirada global sobre os retos ambientais e paisaxísticos actuais.

Os proxectos desta edición ofrecen unha reflexión diversa e comprometida arredor do cambio climático, entendido non só como un desafío, senón como unha oportunidade de transformación para o deseño paisaxístico. As propostas exploran solucións creativas fronte aos efectos da crise ambiental: desde a recuperación de espazos degradados, ata o uso de especies resilientes, pasando por metáforas visuais que convidan a repensar a nosa relación coa natureza e co territorio.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz converteuse nun referente estatal, cunha media de 40.000 visitantes anuais, e destaca pola súa aposta pola sustentabilidade, a educación ambiental e a participación cidadá. É tamén unha plataforma viva de experimentación paisaxística e innovación creativa.

⚙ Configurar cookies
0.064866065979004