Inma Soto: “Escribo, penso e sinto en galego”

OurenseXa
Falamos con Inma Soto, educadora ambiental, narradora de historias e creadora de ‘Xela, a superheroína da aldea’
inma-soto
Inma Soto
18 May 2025
Por Raquel Pérez

Educadora ambiental e narradora comprometida co territorio, Inma Soto é a creadora de ‘Xela, a superheroína da aldea’, un personaxe co que quixo achegar á infancia a lingua galega e o amor pola natureza. Nun relato no que se mesturan fantasía e compromiso, Xela convértese nun símbolo de orgullo rural e nunha ferramenta educativa para coidar e valorar o noso entorno. Falamos con Soto sobre o proceso creativo, o seu vínculo coa terra e a importancia de manter viva a lingua desde a infancia.

Para quen non te coñeza. Quen é Inma Soto e quen é Xela?

Pois na miña web, que acabo de estrar, hai unhas liñas descritivas que definen o que sería a miña labor: educación, lingua e natureza. Para mi as tres están ligadas. Penso que o enriquecemento dunha favorece a outra. Unha natureza ben coidada, rica e protexida precisa de palabras que a describan. Precisamos as nosas propias palabras. E Xela foi a escusa para achegarlle a nosa natureza e a nosa lingua á infancia dunha forma amable e a través dunha figura feminina que eu quería que tivesen de referente. Quería que fose unha  nena do rural e que falase en galego a que axudase a coñecer a nosa propia cultura, a nosa natureza e o noso patrimonio natural e cultural.

A túa traxectoria sempre estivo ligada á natureza. Primeiro estudaches Ciencias do Mar e logo Xestión Medioambiental en Xinzo. Imaxino que iso terá un gran peso en Xela.

Os camiños que fun tomando coa miña formación estiveron sempre moi relacionados ou ben coa divulgación, ou ben coa educación ambiental. Dende o inicio dinme conta de que a forma máis amable de trasladar certos coñecementos ou contidos á infancia era a través de dinámicas lúdicas e a través do conto e da narración, sempre dunha forma divertida e dinámica para eles e elas.

Como foi o proceso creativo de Xela

Pois dentro de estas actividades de educación ambiental que levaba a cabo, sempre intentaba entrar nas aulas de maneira divertida e dinámica, con xogos e actividades, pero é verdade que estaba máis ancorada nun modelo expositivo, case unidireccional. Pero houbo un ano, en 2017, cando os incendios que asolaron Ourense, que creei un conto que se chamaba “Ti contas” para poder explicar o que pasara de forma digamos que máis amable. Aínda así, saía das aulas un pouco frustrada. Eu quería que, ao rematar a miña actividade, o alumnado quixera saber máis, que quixera explorar. Quería que se deran conta do afortunados que somos polo que temos. Así que dinlle unha volta a esa historia inicial para facela dende o positivo, que penso que tamén vai moito na forma que temos de ser como galegas e galgos. E entón decidín crear a Xela, a esta protagonista orgullosa do que ten, da natureza que lle rodea, que é o que le permite desenvolver as súas habilidades especiais, o que lle fai ter superpoderes. Quería que se emocionasen co que lles rodea, con todos os recursos que temos neste país, ao igual que o fai Xela.

Así que creaches una heroína rural

Exacto. Tamén quería render homenaxe aos nenas e nenas que xa habitan no rural, porque son imprescindibles para custodiar e protexer o noso territorio. Por un lado eso, que os nenos e as nenas que viven na aldea sentíranse representados e orgullos do que teñen, e por outro tamén crear un pouco de “envexa”, por dicilo así, sobre os que viven nas cidades. É dicir, que os nenos e nenas das cidades queiran e sintan o rural, que teñan ganas de coñecelo e de coidado. Ao final, o noso territorio e de todas e todos, aínda que vivas na cidade.

E que lles ensinas aos nenos para que aprendan a coidar do territorio

Hai moitas maneiras de apoiar ao rural, mesmo cos nosos hábitos de consumo, mercando produto local, artesanía... Hai moitas formas de apoiar o rural aínda que non vivas nel, iso é algo do que temos que tomar conciencia.

Como de importante é aprender a valorar a lingua desde pequenos?

 Moito. As persoas que teñen a sorte de aprendelo na casa son afortunadas. A lingua sempre é un factor de enriquecemento, e se é a propia aínda máis. As persoas precisamos de escribir e de expresar a nosa realidade a través da lingua. Necesitamos palabras para nomear os nosos montes, as nosas fragas, a nosa gastronomía. Temos refráns, cantigas, contos... A lingua é a que nos fai entendernos dentro deste mundo.

E Xela, dalgunha forma, axuda a manter viva a lingua entre os e as cativas...

Si... O que está a suceder agora é algo bastante antinatural. Escoitamos o galego na casa, os que temos esa sorte, pero logo chegamos ao colexio e, durante varios anos, o galego desaparece. Non vou a entrar nas razóns, pero é o que pasa. Só por vontade propia, pasados uns anos, logramos recuperala. Pero é unha decisión, que se fai con certa militancia. Temos que esforzarnos en recuperar a lingua que nos pertence. Penso que non é xusto que nola rouben nunha etapa da nosa vida, que ademais coincide con ese momento da infancia e da adolescencia que é cando nos estamos construíndo. Paréceme fermoso ter as palabras que describen o noso mundo concreto. O galego é un dos piares básicos para min, ao mesmo nivel que a natureza ou a narración. Escribo, penso e sinto en galego. Forma parte do que son. E, por suposto, Xela está orgullosa da súa lingua.

Haberá unha nova aventura de Xela?

Ao final é un conto autoeditado, autodistribuído, todo feito por min, é un investimento moi grande para unha persoa. Este nadal saíu a segunda aventura. Teño que ir pasiño a pasiño, desfrutando de cada un dos momentos. Gustaríame que houbese tres. Paréceme un número moi bonito e, ademais, é o número dos contos. É un número máxico. Encantaríame. A primeira parte tivo moito tirón, sobre todo nas escolas. Gustou moito, non só as familias, senón que se usou moito a nivel educativo, por iso penso ao mellor saco unha quinta reedición. Aínda non o sei. Quero que Xela perdure e encántame o camiño que está tomando.

Este mes, a Deputación de Ourense dedicoute o 8M Mes a Mes de maio, supoño que sería unha moi boa sorpresa.

Foi un agasallo moi inesperado, estou inmensamente agradecida. Facelo no mes das letras ademais é moi simbólico, é un mes moi bonito para min.

 

0.16222190856934