Investigadores da UVigo propoñen novas estratexias para a xestión sostible de residuos vitivinícolas

OurenseXa
A iniciativa estivo financiada pola convocatoria de axudas Inou, realizada pola UVigo co apoio da Deputación de Ourense
UVigo_viño
Investigadores da UVigo propoñen novas estratexias para a xestión sostible de residuos vitivinícolas
11 Mar 2024

Grupos de investigación da Facultade de Ciencias e da Facultade Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense desenvolveron un proxecto multidisciplinar no que, desde os seus respectivos eidos de coñecemento, propoñen estratexias para a xestión sostible de residuos vitivinícolas. As súas propostas abranguen desde a obtención de ingredientes con valor engadido das gallas e o bagazo procedentes da xestión da viña e da elaboración do viño ata a creación dun centro de tratamento.

A iniciativa estivo financiada pola convocatoria de axudas Inou, realizada pola UVigo co apoio da Deputación de Ourense. Da Facultade de Ciencias participaron os grupos de investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos e Enxeñaría Química, co investigador Pedro Miguel Ferreira Santos á fronte, e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo membros do Departamento de Organización de Empresas e Márketing, con Francisco Javier Sánchez Sellero á cabeza.

Sobre a relevancia do tema abordado, os responsables da iniciativa explican que “no escenario actual de recursos limitados, millóns de toneladas de refugallos e subprodutos alimentarios son descartados a nivel mundial pola industria agroalimentaria”, o que supón un problema ambiental e danos económicos e materiais. En particular, apuntan, no caso do sector vitivinícola, unha das actividades agrícolas máis importantes a nivel mundial e tamén en España, “durante a elaboración do viño xéranse grandes cantidades de residuos, especialmente en forma de gallas e bagazo”, queimándose no solo xeralmente o 40% destes residuos, coas problemáticas ambientais e económicas que iso supón.

Buscando compostos de interese

Neste contexto, o estudo realizado propón alternativas sostibles para o aproveitamento e valorización das gallas e o bagazo obtidos da xestión da viña e da elaboración do viño. Concretamente, desde a área científica e tecnolóxica, explica Pedro Miguel Ferreira Santos, o proxecto permitiu o deseño de novas estratexias no procesado de potenciais residuos da industria vitivinícola (podas e bagazo) segundo o concepto de biorrefinaría, realizando a separación e valorización individualizada dos seus constituíntes (celulosa, hemicelulosas, lignina e extractivos). As alternativas propostas, detalla, implicaron o uso de tecnoloxías innovadoras (explosión de vapor e quentamento óhmico) e disolventes respectuosos co medio ambiente e de grao alimentario (auga, etanol e disolventes eutécticos). O traballo realizado permitiu "unha separación selectiva e eficiente dos compostos de interese (fenólicos, hemicelulosas e azucres fermentables)".

Entre os resultados máis salientables neste eido científico-tecnolóxico, o equipo investigador subliña igualmente que “este proxecto permite afirmar que a aplicación da explosión de vapor e quentamento óhmico poden ser procesos eficaces e ecolóxicos para o tratamento da biomasa lignocelulósica, como a da poda de vide e do bagazo, sendo unha ferramenta interesante para a recuperación de compostos biofuncionais (fenólicos e azucres con potencial bioactivo), ademais de azucres fermentables para a obtención de bioetanol utilizando plataformas de biorrefinería”. Este aproveitamento individualizado dos constituíntes da vide e do bagazo (actualmente infravalorados) supón, engade o investigador da Facultade de Ciencias, a obtención de ingredientes con valor engadido, que satisfán a demanda de novos produtos de interese industrial a partir de recursos naturais.

A proposta dun centro de tratamento

No proxecto tamén se realizou unha avaliación do impacto socioeconómico da revalorización dos refugallos vitivinícolas na provincia de Ourense. Froito dela, o equipo da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo participante propón, unha vez analizadas diferentes posibilidades de tratamento de refugallos, a creación dun centro de tratamento para a separación dos mesmos. Esta iniciativa, indica Francisco Javier Sánchez, xeraría valor inicial para as empresas vitivinícolas, facilitaría o aceso á biomasa como combustible (evitando as queimas individualizadas e a contaminación xerada) e o aproveitamento propio ou alleo dos refugallos para a xeración de biocombustibles, ademais da xeración de postos de traballo sostibles no medio rural. “A proposta podería apoiarse en liñas crecentes de subvencións por parte da Unión Europea, podendo ampliarse a outras actividades de sectores afíns de carácter agrogandeiro, mesmo coa integración de plantas de biocombustibles”, recóllese no estudo. A creación desta planta experimental permitiría segundo os autores do traballo a obtención de novos produtos de base biolóxica de modo directo (con valor para as empresas vitivinícolas) ou ben indirecto, no caso de produtos trasladables a outros sectores ou actividades.

0.15914487838745