Investigadores do campus de Ourense contribúen á transformación da educación superior en Kazakhstán

OurenseXa
Entre os dez socios do proxecto 'EduFusion Network for Sustainable Growth' atópase a Universidade de Vigo, única representante española, que aporta a experiencia e coñecemento de varios investigadores do campus de Ourense.
campus-de-ourense-rrii
Campus de Ourense
19 Jan 2025

A cidade portuguesa do Porto acolleu esta semana o lanzamento do proxecto de cooperación internacional EduFusion Network for Sustainable Growth, unha iniciativa que busca transformar a educación superior en Kazakhstán e promover o crecemento sostible neste país a través da colaboración entre universidades, industria e sociedade. Entre os dez socios do proxecto atópase a Universidade de Vigo, única representante española, que aporta a experiencia e coñecemento de varios investigadores do campus de Ourense.

A achega multidisciplinar da UVigo

O proxecto EduFusion NSG ten unha duración de catro anos e conta cun financiamento de preto dun millón de euros, concretamente 989.792 euros, ao abeiro do programa Erasmus+ (CBHE Capacity Building in Higher Education, Strand 3). Ademais de institucións europeas como o Instituto Politécnico do Porto (coordinador da iniciativa) e Enter Network, participan entidades clave de Kazakhstán, incluíndo o Ministerio de Educación e Ciencia dese país, a Kazakh Society of Engineering Education e seis universidades recoñecidas internacionalmente.

A representación da Universidade de Vigo está liderada pola profesora María Isabel Doval, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, experta en inclusión, diversidade e responsabilidade social. Xunto a ela, colaboran os catedráticos e profesor da UVigo Marcos Arias, Óscar Rubiños e Fermín Navarro, destacados no ámbito da enxeñaría de telecomunicacións, aeroespacial e educación superior no marco CBHE.

O equipo da UVigo destaca pola súa contribución ao proxecto mediante o enfoque Enxeñaría para Todos, que promove a inclusión, a diversidade e a equidade no ensino enxeñeiro. Este enfoque inclúe accións como a integración de colectivos vulnerables ou infrarrepresentados nas enxeñarías, como persoas refuxiadas, con discapacidade, comunidades indíxenas, rurais ou mulleres, así como o recoñecemento inclusivo do labor do persoal docente.

Un enfoque integral para o crecemento sostible

Kazakhstán, un país transcontinental con territorio tanto en Asia Central como en Europa, é o noveno máis grande do mundo en superficie e conta cunha poboación de arredor de 19 millóns de habitantes. O proxecto EduFusion NSG busca transformar a educación superior neste país mediante un enfoque integral, aliñando os resultados educativos coas necesidades do mercado laboral e fomentando o crecemento sostible e a creación de emprego.

Entre os obxectivos da iniciativa están o desenvolvemento de plataformas colaborativas entre o mundo académico e a industria, a certificación de educadores e a creación de aplicacións educativas e sociais virtuais. Ademais, busca fortalecer a conexión entre o sector académico e o industrial, fomentar a formación e certificación de docentes e ofrecer cursos en liña adaptados ás demandas do mercado laboral para impulsar o emprendemento e o crecemento sostible en Kazakhstán.

Con estas metas, os investigadores do campus de Ourense desempeñan un papel fundamental nun proxecto que combina innovación, inclusión e cooperación internacional para lograr un impacto duradeiro na educación e na sociedade kazaka.

0.1592710018158