Investigadores do campus de Ourense participan nun proxecto que aposta pola sostibilidade na olivicultura

Investigadores do campus de Ourense forman parte dun proxecto europeo que promove a sostibilidade e a eficiencia fitosanitaria no cultivo de oliveiras.
O proxecto, denominado GO Olivitech, busca revolucionar a olivicultura mediante o uso de ferramentas tecnolóxicas avanzadas e análise aerobiolóxica. Este grupo operativo, que reúne entidades de Galicia e Andalucía, ten como obxectivo principal reducir o uso de produtos fitosanitarios, incrementando a sostibilidade e a rendibilidade das explotacións.
Olivitech conta coa participación de diversas institucións e empresas e dispón dun orzamento total de 551.196,27 euros, dos cales 543.206,47 proveñen de subvencións estatais e europeas.
O Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais da Universidade de Vigo, liderado por Francisco Javier Rodríguez Rajo, contribúe ao proxecto cun equipo de especialistas que analizan os aspectos fenolóxicos e fitopatolóxicos das enfermidades que afectan ás oliveiras. Entre os integrantes do equipo están María Fernández, Kenia Sánchez, Lucía Carrera, Aarón Novoa, Duarte Días e Guillermo Guada.
O traballo, que se prolongará ata 2027, busca desenvolver un sistema avanzado de alertas temperás que combine datos meteorolóxicos, fenolóxicos e a presenza de patóxenos no ambiente. Esta ferramenta permitirá predicir con precisión os momentos máis críticos para as infeccións fúnxicas nas oliveiras, optimizando os tratamentos fitosanitarios. Ademais, os modelos fenolóxicos e de predición de esporas fúnxicas axudarán a reducir o número de aplicacións de fitosanitarios, restrinxíndoas aos momentos imprescindibles, o que mellorará a sostibilidade e a eficiencia dos cultivos.