Investigadores do campus deseñan propostas para traballar sobre o cambio climático
Concienciar á comunidade educativa e á sociedade en xeral sobre a problemática do cambio climático presentando liñas de actuación individuais e comunitarias que promovan a preservación dos recursos hídricos. Con este obxectivo desenvolveuse o proxecto Coñecendo o clima local: un soporte para a concienciación medio ambiental na Educación Secundaria. Nel, persoal investigador do grupo EphysLab (Environmental Physics Laboratory-CIM) e da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense deseñou e aplicou un programa de actividades para traballar as ciencias atmosféricas dun xeito multidisciplinar e transversal nas aulas, co reto último de fomentar a conciencia ambiental nas novas xeracións.
A iniciativa é unha das financiadas pola convocatoria de axudas Inou, da Vicerreitoría do campus de Ourense e da Deputación de Ourense, estando coordinada por Marta Vázquez, de EphysLab, e Maria João Valente, de Educación e Traballo Social. Completa o equipo os membros de EphysLab Rogert Sorí, Milica Stojanovic e Luis Gimeno, todos eles e elas con formación e liñas de investigación relacionadas co cambio climático. “O proxecto constitúe unha combinación entre as ciencias atmosféricas e a súas oportunidades didácticas e busca non só propor as ciencias do clima como contido vehicular na Educación Secundaria en diferentes materias e áreas, senón tamén empregar datos climatolóxicos reais como instrumento para a concienciación ambiental e sobre o cambio climático nesta etapa educativa”, sinalan as súas promotoras.
Experiencia nas aulas
O traballo arrancou cunha parte de investigación climática na que se analizou a situación da provincia de Ourense a través de datos de precipitación e temperatura. Os resultados obtidos utilizáronse como soporte para deseñar charlas de divulgación, que se desenvolveron de xeito experimental en oito centros da provincia con arredor de 200 estudantes de 14 a 18 anos. As charlas foron deseñadas con tres partes diferenciadas: unha primeira na que es fai un percorrido pola historia do clima, unha segunda na que o alumnado participa da análise dos datos climáticos da provincia, para que “entenda o cambio climático tamén como un proceso local”, e unha terceira sobre as causas e consecuencias que ten na actualidade o cambio climático.
Aproveitando as visitas aos centros educativos realizouse unha enquisa ao alumnado participante para analizar a súa auto-percepción da concienciación sobre temas ambientais. “En termos xerais, os estudantes din estar preocupados polo medio ambiente, sendo os temas que lles xeran unha maior preocupación o cambio climático e a contaminación. A pesar de que recoñecen recibir información nos seus centros educativos sobre estes temas, só o 10% dos enquisados considera esta formación suficiente”, recóllese no estudo.
Propostas didácticas e obradoiros
Froito do proxecto desenvolvéronse diferentes propostas didácticas para integrar as ciencias do clima no currículo de Educación Secundaria Obrigatoria de maneira transversal en diferentes materias (concretamente en Matemáticas, Programación, Tecnoloxía e Ciencias Experimentais), rematando coa proposta dun proxecto multidisciplinar global arredor da fabricación dunha estación meteorolóxica. As ciencias atmosféricas, indican as investigadoras da UVigo, representan un contido transversal no currículo de Educación Secundaria e Bacharelato, abranguendo materias coma Bioloxía e Xeoloxía, Xeografía e Historia ou Física e Química, entre outras. “Neste proxecto traballouse na proposta dun conxunto de actividades que permiten traballar as ciencias atmosféricas dunha maneira multidisciplinar e como vehículo para interconectar as diferentes materias, conseguindo que os alumnos e alumnas sexan capaces de entender o carácter multidisciplicar da propia ciencia á vez que desenvolven habilidades STEAM e adquiren unha maior conciencia medio ambiental”, comentan as responsables da iniciativa. Por último, as propostas didácticas traballadas durante o proxecto foron empregadas para o deseño de diversos obradoiros para a formación do profesorado da etapa educativa elixida, obradoiros relacionados co uso de arduino e o etwinning que tamén foron validados en diferentes sesións prácticas. As propostas elaboradas foron presentadas en diferentes eventos científicos e serán recollidas na publicación que se faga da convocatoria de proxectos Inou que financiou esta iniciativa.