Investigadores ourensáns participan nun estudo europeo sobre a estratosfera

OurenseXa
Un estudo liderado polo CSIC e con participación galega revela novos datos sobre a dispersión do  mercurio na estratosfera
campus-de-ourense-rrii
Campus de Ourense
12 Jan 2025

Un equipo internacional de investigadores, coa participación da Universidade de Vigo, identificou por primeira vez a estratosfera como unha rexión crucial para o transporte, procesado químico e deposición do mercurio atmosférico nos ecosistemas terrestres. Segundo o estudo, publicado na revista Science Advances, a estratosfera facilita a dispersión global deste metal desde as zonas contaminadas a rexións remotas, cun impacto equiparable ao transporte troposférico, tradicionalmente considerado o principal responsable da dispersión interhemisférica.

O traballo, liderado polo Instituto de Química Física Blas Cabrera-CSIC, contou coa participación de Juan A. Añel e Laura de la Torre, do grupo Environmental Physics Laboratory (EphysLab) da Universidade de Vigo, quen se encargaron do modelado do transporte atmosférico.

Mercurio na estratosfera: oxidación acelerada e dispersión global

O mercurio, un contaminante global procedente de fontes naturais e industriais, transfórmase en compostos solubles a través de reaccións de oxidación na atmosfera. Ata agora pensábase que estas reaccións ocorrían exclusivamente na troposfera. Porén, a investigación revelou que un terzo do mercurio que chega aos ecosistemas terrestres foi procesado na estratosfera, entre os 12 e 40 km de altura.

A estratosfera actúa como unha "cinta transportadora global", trasladando o mercurio desde zonas intensamente contaminadas, como o sur de Asia, a lugares remotos como os polos. Este transporte e procesado químico intensifícase debido a dúas características da estratosfera: a alta concentración de especies químicas reactivas como bromo, cloro e hidroxilos, e a exposición á radiación ultravioleta, especialmente por riba da capa de ozono. Estas condicións aceleran a conversión do mercurio gasoso en compostos que se depositan rapidamente sobre mares e continentes.

O impacto do cambio climático

O estudo tamén destaca que o cambio climático está incrementando o transporte estratosférico de mercurio, intensificando a súa dispersión global. Segundo Juan A. Añel, “ata o 50% do mercurio que se deposita nos océanos e na superficie terrestre transita pola estratosfera, algo que ata agora non se consideraba”. A aceleración do transporte atmosférico debido ao cambio climático levará a un aumento da contaminación por mercurio en rexións anteriormente prístinas.

Os investigadores desenvolveron un modelo avanzado do ciclo xeofísico do mercurio, que inclúe reaccións químicas e fotoquímicas na estratosfera. Este modelo permitirá estudar a evolución do ciclo do mercurio desde a era preindustrial ata un futuro condicionado polo cambio climático, axudando a comprender mellor os efectos deste perigoso contaminante, regulado pola Convención de Minamata.

“Os resultados solucionan discrepancias entre medicións de campo e modelización previa”, destaca Añel, subliñando que este descubrimento representa un importante avance na comprensión do ciclo global do mercurio e os seus impactos ambientais.

0.1731219291687