Investigadores ourensáns participan nun proxecto estatal para garantir a autenticidade do mel e pole de España

Investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense participan no proxecto estatal Vasbeep, centrado na valorización e autenticación do mel e do pólen producidos en España. Este proxecto, desenvolvido en colaboración coas universidades de Vigo e Valladolid e o Centro de Investigación Apícola y Agroambiental de Marchamalo (Castilla-La Mancha), xunto co sector apícola, busca identificar biomarcadores para garantir a autenticidade destes produtos e previr fraudes.
Vasbeep nace para abordar a falta de lexislación que garanta a autenticidade da orixe botánica e xeográfica do mel e o pólen, e para crear unha base de datos homoxénea con parámetros clave. A investigación subliña que, debido á diversidade vexetal da Península Ibérica, existen moitos tipos de mel e pólen, cada un cun valor de mercado distinto. Por iso, para diferenciar os tipos de mel (especialmente o monofloral) segundo a súa orixe e características sensoriais, é necesario un enfoque multidisciplinar que combine diferentes técnicas.
O proxecto, que arrancou en 2023 e finalizará en 2026, conta cun orzamento de 362.500 euros e financiamento da Agencia Estatal de Investigación. A participación dos investigadores ourensáns céntrase na análise dos volátiles e nas actividades biolóxicas do mel e do pólen, así como na aplicación da tecnoloxía NIR para unha estimación rápida de propiedades específicas. Este traballo, realizado en colaboración con produtores, industrias apícolas e outras entidades, busca garantir a trazabilidade do produto dende a súa orixe e obter mostras representativas de todo o territorio nacional.