Investigadores ourensáns participan nun proxecto para promover o envellecemento saudable
O campus de Ourense acolleu este martes o lanzamento de Iberlongeva, un programa integral e dixitalizado que emprega intelixencia artificial para promover o envellecemento saudable. Este proxecto, liderado por un equipo multidisciplinar das universidades de Vigo, Salamanca e o Instituto Politécnico de Bragança, centrarase en estudar a fraxilidade da poboación maior de 60 anos na zona transfronteiriza e en desenvolver ferramentas para fomentar a saúde preventiva e prolongar a esperanza de vida en condicións saudables.
O envellecemento poboacional representa un dos principais retos demográficos actuais. Segundo datos oficiais, as rexións transfronteirizas como Ourense, Zamora, Lugo e Pinhal Interior Sul están entre as máis envellecidas de Europa, unha situación que se agrava especialmente nas zonas rurais. En algunhas localidades de Lugo e Ourense, máis do 50 % dos habitantes superan os 65 anos, unha tendencia que, segundo as proxeccións, continuará intensificándose nas próximas décadas, exercendo unha maior presión sobre os sistemas de saúde pública.
Unha iniciativa innovadora e transfronteiriza
Iberlongeva está liderado polo Centro Internacional de Estudos sobre Longevidade e Sociedades Longevas da Fundación Xeral da Universidade de Salamanca, coa participación da Universidade de Vigo, o Instituto Politécnico de Bragança e outras institucións académicas de España e Portugal. O proxecto, que recibiu un financiamento de 1.734.759,52 euros a través do Programa de Cooperación Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, céntrase en desenvolver un sistema baseado en intelixencia artificial que permita ás persoas tomar decisións informadas sobre a súa saúde e converterse en axentes activos da súa lonxevidade.
O equipo de Iberlongeva ten como obxectivo obter unha visión detallada da fraxilidade nas poboacións urbanas e rurais da zona transfronteiriza. Os datos recompilados empregaranse para educar e fomentar hábitos de vida saudables a través de estratexias innovadoras que integren e analicen información de saúde mediante intelixencia artificial. Ademais, o proxecto priorizará a creación de programas educativos, pautas e recomendacións que capaciten a poboación en saúde preventiva e promovan un envellecemento activo.
Iberlongeva preséntase como un proxecto pioneiro, orientado a sensibilizar a poboación sobre prácticas que favorezan un envellecemento pleno, xerar coñecemento científico sobre a fraxilidade e trasladar estes avances a estratexias preventivas, contribuíndo así a aliviar a presión sobre os sistemas sanitarios.