Invístense máis de 5 millóns de euros na renovación do firme da AG-53 entre Cea e a A-52

OurenseXa
O trazado afecta aos termos municipais de Amoeiro, Maside, Ourense, Piñor, Punxín, San Cristovo de Cea e Toén, cuxos veciños contarán cunha estrada máis segura e cómoda
Obras na Ag-53
10 Ago 2024

A Xunta inviste máis de 5 millións de euros na renovación do firme na autovía AG-53, no treito comprendido entre o enlace de Cea e a súa conexión coa autoestrada das Rías Baixas, a A-52.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou hoxe en Maside o inicio destes traballos, que tamén incluirán a renovación do firme no enlace de Piñor.

A renovación integral do firme desta autovía foi adxudicada en maio e xa están as máquinas traballando na estrada para compensar o desgaste natural do pavimento por mor do paso do tempo.

A intervención efectuarase ao longo de 13 quilómetros, executándose en dúas fases: unha primeira que xa está en marcha e se centra en reparacións estruturais do firme. A segunda fase consistirá na disposición dunha nova capa de rodaxe.

Estas obras completan o acondicionamento do firme nesta infraestrutura, tras as executadas en 2020 entre Dozón e San Cristovo de Cea, cun investimento de 4,8 millións de euros.

Cómpre lembrar que o trazado afecta a 7 termos municipais: Amoeiro, Maside, Ourense, Piñor, Punxín, San Cristovo de Cea e Toén, cuxos veciños contarán cunha estrada máis segura e cómoda.

Ademais a conselleira fixo fincapé tamén na importancia dun bo mantemento deste viario empregado por moitos transportistas.

Destacou que a Xunta mantén libre de peaxe esta autovía autonómica e “aínda sen cobrar aos usuarios vai completar unha renovación da capa de rodaxe en toda a vía”.

Actuación específica no viaduto do río Barbantiño

A responsable de Infraestruturas detallou a particularidade de que dentro do tramo sinalado se atopa o viaduto sobre o río Barbantiño, que será obxecto dun proxecto de reparación específico.

Concretou que o proxecto incluirá, entre outros, a impermeabilización do seu taboleiro, motivo polo cal no presente proxecto non se incluirá a renovación do pavimento sobre este viaduto.

Aposta pola seguridade viaria

María M. Allegue salientou a importancia da conservación dos firmes nas estradas. Neste sentido, lembrou que a Xunta está a acondicionar este verán a capa de rodaxe en 35 estradas como a AC-110, AC-564 e AC-566 en Ferrolterra; en varios treitos da AC-303 en Ribeira; ou na AC-550, en Outes.

Avanzou que se comezará en breve a mellora do firme en dúas estradas autonómicas da provincia de Lugo, en Monterroso, Taboada e Palas de Rei.

Apuntou que o compromiso tamén se demostra cos datos de investimento en firmes de 2024, cun total licitado de máis de 28 millións de euros, dos que 6,4 millións de euros se invisten na provincia de Ourense.

Remarcou a aposta da Xunta pola seguridade viaria, incrementando este ano un 8% o investimento destinado a conservar as estradas autonómicas. Así, o orzamento total destinado a este fin ascende a 53 millións de euros, o maior investimento en 10 anos.

Concluíu que “tan estratéxica é a construción de novas estradas como o mantemento das existentes”, polo que insistiu na necesidade dun “plan de conservación tamén para as estradas do Estado en Galicia, posto que moitas requiren dunha actuación urxente”.

0.17373895645142