Invístense máis de 8 millóns de euros na mellora de 70 centros educativos ourensáns
A Xunta de Galicia está a acometer ao longo deste ano 132 actuacións en centros educativos de Ourense, cun investimento total de máis de 8 millóns de euros. Precisamente, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este martes unha delas, o CEIP Plurilingüe de Ribadavia, onde expuxo as intervencións que o seu departamento está realizando ao abeiro do Plan de benestar e accesibilidade na escola (Plan BEN_Estar 2024), avaliado onte polo Consello da Xunta.
Este programa inclúe unha serie de pequenas e medianas obras que se desenvolven durante o verán para mellorar cubertas, aseos, ventás ou ascensores. En concreto, na provincia de Ourense lévanse a cabo 118 actuacións en 73 centros cun investimento de 2,8 millóns de euros nesta tipoloxía de intervencións. En total, en Galicia son 535 melloras en 385 centros por un importe total de 12,5 millóns de euros a contía máis elevada dos últimos cinco anos.
Paralelamente a estas pequenas pero necesarias actuacións estivais, a Administración autonómica está a realizar 139 obras de gran envergadura como ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras de eficiencia enerxética. Estas actuacións, cun investimento de 71,3M€ no conxunto de Galicia, están planificadas para todo o ano 2024 dado que o seu período de execución é de varios meses, pero reciben un especial pulo durante a época estival aproveitando as vacacións sen actividade lectiva nos centros.
Nesta tipoloxía de grandes obras, na provincia de Ourense destacan 14 actuacións como a ampliación do Instituto IES Manuel Chamoso Lamas no Carballiño, a do Centro Integrado de FP Vilamarín, a do Instituto IES Eduardo Blanco Amor en Ourense ou a do Colexio Plurilingüe Antonio Faílde en Coles.
Román Rodríguez referiuse ao compromiso da Xunta de renovar os colexios e os institutos, co fin de adaptalos ás esixencias actuais. O conselleiro explicou que o Goberno galego “está modernizando os centros de ensino, cun investimento sen precedentes, converténdoos en instalacións máis eficientes, sostibles e axustadas ás necesidades educativas”.