Jácome valora positivamente as Festas de Ourense de 2025

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, cualificou de “excelentes” as Festas de Ourense 2025, que onte á noite chegaron ao seu remate coa tirada de fogos artificiais desde a Ponte do Milenio.
Segundo o rexedor, este ano consolidouse o formato “compacto” de 5 días implantado en 2022, e subliñou a grande afluencia de público ás diferentes actividades programadas, con “cifras récord” no caso dos concertos de Nil Moliner e Justin Quiles.
As festas 2025, segundo Jácome, “empezaron o mércores con cheo total na Ponte Romana (con orquestra, pregón e drons) e acabaron con cheo total o domingo (coa orquestra e os fogos artificiais)”, lembrou esta mañá o alcalde, quen resaltou que os concertos de Nil Moliner e Justin Quiles “deixaron cifras de récord no exterior do Pavillón e houbo gran participación do público tamén no resto de eventos, concluíndo cos mellores fogos da historia, con dobre traca”.
Pérez Jácome engadiu na súa valoración que “gustou moito” o novo emprazamento do mercado medieval, na zona da Ponte Romana, e cita que “a un dos postos de hostalería esgotóuselle a mercadoría, algo que non lle pasara en Ourense cando o mercado se facía na zona histórica”.
O rexedor quixo darlle as grazas “ao persoal da área de festexos, empezando polo seu xefe de servizo, que fixeron perfectamente as súas funcións e levaron a cabo os detalles de todas as tarefas, executando moi ben o deseño do grupo de goberno”.
Lembra ademais que, aínda que a programación rematou onte, o público aínda poderá seguir desfrutando coas barracas das festas, que permanecerán hoxe, luns, e mañá, martes, no Parque do Barbaña, con prezos populares con motivo do “Día do neno”